26/07/14

Carta aberta a Alex Penas, responsable do BNG en Lugo



Carta aberta a Álex Penas, responsable do BNG na cidade de Lugo
Por Pablo Veiga

Estimado Álex. 

Permite que me dirixa a ti polo teu cargo de responsable local do BNG na cidade de Lugo, ante a moción que vai presentar o grupo no concello para "deter o xenocidio en Gaza por parte de Israel". Teño a ben escribirche isto como colega de profesión e persoa que teño o gusto de coñecer.
 
Ainda que este enquistado conflito ten múltiples matices, non quero pasar a ocasión de manifestarche o meu profundo desacordo coas valoracións que facedes desde a organización, así como desde moitos outros ámbitos, de todo o relacionado con Israel.
 
En primeiro lugar, alguén debería contestar por que razóns non crearon un estado árabe-palestino no ano 48 e en anos sucesivos nos territorios de Cisxordania e Gaza. Por se non o sabedes, a primeira estaba anexionada a Xordania e a segunda a Exipto. Daquela seica non existía ocupación, ainda que tampouco existía a denominación de palestinos. Se tedes resposta, eu agradecería sabela.

En segundo termo, falar de imperialismo para referírmonos a un país da extensión de Galicia rodeado por todas partes de árabes musulmáns, que chegou a devolver a Península do Sinaí a Exipto a cambio da paz fría, é dicir, que os deixaran en paz, un territorio máis grande có propio estado de Israel, é dunha falta á verdade absoluta.

Outra recurrencia típica é a desproporcionalidade e desigualdade neste enfrontamento. Antes de nada, creo que sabedes que Israel desaloxou ata o último dos preto de oito mil colonos que estaban na franxa de Gaza. Inmediatamente, alentados por Hamás, destruíron tódalas edificacións -vivendas, centros de saúde, escolas e demais- que alí había, incluído os campos de cultivo e factorías en plena producción. Polo tanto, en Gaza, desde hai case unha década non queda un só israelí. Houbo un secuestrado cinco anos, Ghilad Shalit, ó que non permitiron nin unha soa visita nin da cruz vermella, e que foi liberado a cambio de 1027 presos palestinos nas cadeas israelís, algúns con tremendos crimes terrorisitas detrás. Pois ben, desde aquela, non paran de lanzar foguetes e misís contra territorio de Israel. Por que o fan??. Que buscan??. Teñen Gaza para eles sós. Apenas causan vítimas civís, pero porque, en primeiro lugar, os de Hamás son tan malnacidos e tan inútiles que nin pra matar sirven. Con homes e mulleres bombas introducidos en restaurantes, autobuses, escolas si tiñan habilidade. Ademais, Israel diseñou unha cúpula de ferro que está sendo capaz de interceptar oito de cada dez misís, e dispón dunha rede de refuxios para a protección dos seus cidadáns. Esas bombas xa foron capaces de chegar a máis de cen quilómetros. Algo máis que foguetes son. Desde Gaza, Hamás ten construída unha rede de túneles quilométrica coa única intención de entrar en Israel e cometer as maiores das matanzas posibles, como xa fixeron en tempos pasados. Non pretenderedes os amigos do pobo palestino que Israel se relaxe neste asunto ... Contra esta tropa solicitades proporcionalidade ???. Pretendendes que Israel lle facilite toda a súa tecnoloxía e o seus avances a Hamás para que sofisticar máis eses misís que manda ó seu propio territorio?!. 

Outro apunte que non quero pasar por alto é a corrupción, nepotismo e terror que esta xente practica cos seus propios cidadáns. Mágoa que non vos preocupedes polas condicións das mulleres, dos homosexuais e ata dos cristiáns nesa franxa de Gaza. Lembrades -ou non o queredes lembrar- que tras as eleccións onde Hamás se impuxo a Al Fatah, estiveron varias semanas matándose entre eles, uns porque non querían deixar o poder e as prebendas que mantiñan, outros por non saberen administrar a victoria. Execucións, encadeamentos, torturas, ... Todo iso se produciu en Gaza. Nin pío desde aquí. Vaia por Deus.

E logo ven o destino dos centos de miles de millóns de euros e dólares que durante anos se lles está subministrando. O equivalente a dous plans marsall. En educación, sanidade, culltura, infraestruturas...?. Non. Por un lado, indemnizacións millonarias a ex-presos liberados por Israel -manda carallo-. E polo outro, temos a proba nos túneles construídos para infiltrase en Israel e causar a maior destrucción posible. Non haberá a quen mandar cartos polo mundo adiante ...!. Mentres, os dirixentes, sexan de Hamás ou da propia Autoridade Nacional Palestina, a corpo de rei, con contas millonarias no estranxeiro.

Falar de aparheit e racismo. Que falacia, cando dentro do propio Israel, o 20 % da poboación é árabe, maioritariamente musulmana, con plenos dereitos de cidadanía, inmensamente superiores ós que poden ter os mesmos árabes nos países da contorna. Árabes con representación no parlamento e ocupando postos de responsabilidade nas diversas instancias, nas seleccións deportivas, ....

E xa pra irmos rematando, sinto verdadeira mágoa que como nacionalistas galegos non vexades en Israel un verdadeiro exemplo á hora de construír unha sociedade próspera, de éxito tecnolóxico, recuperación dun idioma, con índices de desemprego inferiores ó 8 %, con avances médicos e técnicos impresionantes. Coa iniciativa dos Kibutzs que a pesares das dificultades levan cen anos convertindo chans inertes en auténticos produtores dos máis variados alimentos, incluída a gandeiría -de leite e carne-. Un exemplo que podería ser adaptado ó noso agro, en constante decadencia, envellecemento e auténtica desvandada. En fin, compañeiro Álex. Ides presentar unha moción, coma sempre en contra de Israel. As matanzas en Siria, Iraque, Ucraína e varias zonas africanas non vos preocupan tanto. 

Unha aperta

Pablo Veiga
Lugo