Non
é normal, aínda que tamén é certo que mentiría se dixera que me sorprende. Porque
non é normal en absoluto a reacción que calquera escalada no conflito
palestino-israelí suscita entre os nosos medios de comunicación e
consecuentemente entre moita xente.
Persoas
de normal sosegadas chegan a perder a mesura, e incluso en moitos casos foxen
por completo do raciocinio botando a lingua a pacer dun xeito tan brutal que
nestes días estamos a ler cousas, principalmente na rede pero tamén nos medios,
que teríamos que remontarnos á Europa dos anos 30-40 ou ir directamente as
hemerotecas á procura daquel infausto panfleto da Alemaña nazi chamado Der Stürmer para atopar barbaridades de tal magnitude.
Vivimos en tempos de gran popularización da
internet, coa súa grande capacidade para democratizar o acceso á información.
Un factor sen dúbida positivo. Pero o reverso da moeda é que tamén é moito máis doada a posibilidade de
inzar de mentiras, medias verdades e terxiversacións calquera nova con só ter
un computador a man, unha tablet ou un simple smartphone.
Digo isto porque a pesar a enorme facilidade que
temos para recibir, contrastar e transmitir informacións, hai cousas
incomprensibles. Estes días estamos a vivir unha dura escalada no conflito
provocado por Hamas e que levou a resposta de Israel. Non
cualificarei de proporcional ou desproporcional a resposta israelí como ninguén
cualifica de proporcional ou non a ofensiva militar do goberno de Ucraína contra
os rebeldes separatistas prorrusos por exemplo. Nin en Ucraína nin en ningures. Ninguén
demanda nunca proporcionalidade militar a non ser cando un dos actores é
Israel.
Ademáis, de que estamos falando cando falamos de
“proporcional”? Sería por exemplo que se Hamas e Yihad islámica dispararon,
poñamos por caso, 3000, 4000 mísiles e foguetes indiscriminadamente contra a
poboación civil israelí, debería entón Israel en “reciprocidade proporcional”
disparar esa mesma cifra de mísiles tamén indiscriminadamente contra a
poboación gazatí? Sen dubida ese disparatado escenario tería multiplicado o
número de vítimas ate cifras infinitamente superiores as actuais. En todo caso
esta é unha mera pregunta retórica xa que estou seguro de que a única
proporcionalidade que moitos dos críticos de Israel e do seu dereito a existir
aceptarían sería a de non facer nada. Soportar
estoicamente o constante ataque terrorista contra os seus cidadáns dende a
Faixa de Gaza.
A
todos os que militamos na nosa condición humana dóennos profundamente a terríbel
dor e o sufrimento das vítimas civís, non só en Gaza ou en Israel, tamén
noutros moitos lugares do mundo. Dóenos e desexamos a fin definitiva das
constantes ameazas de violencia que disparan espirais que dende o mutuo
recoñecemento palestino-israelí ao dereito a existir, nunca se dispararían.
Porque neste actual conflito non podemos esquecer que é Hamás quen provoca e
comeza un enfrontamento no que os gazaties son os seus propios reféns, gazatíes
que poden e deben vivir en paz e boa veciñanza con Israel, para o cal é preciso
que a Faixa de Gaza volva ser administrada pola Autoridade Nacional Palestina e
non polos ditados do fundamentalismo islámico de Hamás. E aquí chegamos a
grande anormalidade que rodea a este conflito palestino-israelí por estes
lares.
Porque
moitos dos que estes días escriben e falan alporizados pola operación militar
israelí contra o grupo islamofascista Hamás, non tiveron nin teñen unha
reacción nin por asomo semellante en outros moitos duros conflitos que desgraciadamente
inzan o mundo. E moitos escriben e opinan dando por certa toda a información
que Hamás permite aos medios enviar é que é aceptada como verdade absoluta sen
necesidade de verificar ou contrastar as informacións. Algo así como se despois
do atentado contra Hipercor fora a propia ETA a encargada de elaborar o informe
para os medios e nós deramos crédito a esa información.
Estes
días a poucos kilómetros da Faixa de Gaza, na castigada e esquecida Siria, en
só 48 horas na fin de semana do 19 e 20, máis de 700 persoas morreron no
transcurso dos violentos choques entre forzas gobernamentais e rebeldes. E son
xa máis de 150.000 os mortos e preto de 3.000.000 os desprazados e refuxiados
da guerra civil siria. Mesmo sen saír de Siria, vaiamos a periferia de Damasco
onde está situado un dos maiores campos de refuxiados palestinos, Yarmuk, con
160.000 residentes e que dende hai un ano sofre o asedio implacable das tropas
de Assad e de grupos yihadistas coa denuncia pública da UNRWA (axencia de
Nacións Unidas para os refuxiados palestinos) e da Media Lúa Vermella sobre a
“apocalíptica situación pola que atravesan os residentes en Yarmuk”. Sen a
posibilidade de entrar nin saír, nin de abastecer practicamente de nada aos
residentes no campo. Nin víveres nin asistencia médica. O cal ten provocado
centos de morte por fame e frío ademais das vítimas do conflito armado. Non é
este un bloqueo que abre e pecha pasos fronteirizos para a entrada e saída de
mercadurías e persoas, é un asedio militar puro e duro. E aquí ninguén di
absolutamente nada destes palestinos seica invisibles se non teñen a sombra de
Israel.
Podería
estenderme na infinidade de conflitos esquecidos nos catro puntos cardinais do
globo, algún na nosa propia Europa, a moi poucas horas de voo desde Galicia,
outros como Iraq e a terrorífica brutalidade xenocida do Estado islámico, e
moitas outras guerras e conflitos con milleiros ou incluso centos de miles de
desprazados e mortos, mais penso que só e pola súa proximidade xeográfica coa
Faixa de Gaza o exemplo de Siria e Yarmuk son máis que dabondo.
E
insisto, ninguén convoca manifestacións, nin concentracións, nin fai
declaracións, emite comunicados en condena do “xenocidio” sirio. Ninguén
reclama o boicot a Siria, como ninguén o reclama contra ningún outro estado no
planeta. Só un estado no mundo é merecente dos chamados dos nosos solidarios
selectivos ao boicot e a mobilización. O estado xudeu de Israel.
A
resposta ao porque desta escandalosa dupla vara de medir contra Israel é tan
obvia, e como europeo tan dramática, que quixera non atopala...