06/11/13

Desde Israel: poesía en hebreo na Coruña




O vindeiro luns día terá lugar a quinta edición do ciclo POETAS DI(N)VERSOS, terceira dende que se implantara no Centro Ágora e alcanzara un ámbito internacional. Sempre reunindo unha voz en galego e outra de calquera lingua do mundo, o luns 11 dará a benvida por vez primeira á poesía hebrea. 

Ás 20:30 no seu Auditorio terá lugar unha nova lectura de poemas propios soando nas voces dos seus autores, chegada a Coruña dende Israel nun contacto directo, aberto e gratuíto co público coruñés e galego. Dirixida pola poetisa Yolanda Castaño, a programación poética da Concellería de Cultura do Concello da Coruña convida dúas olladas poéticas claras, ben temperadas e tocadas pola elegancia formal, as dúas do máis recoñecido prestixio en cadanseu sistema literario: a poetisa israelí Tal Nitzán e o galego Román Raña. Os dous poderán, ao final do acto, asinar os exemplares dos seus libros que se porán á venda. 

Tal Nitzán constitúe unha das principais tradutoras ao hebreo desde o español. Ademais de poeta e editora. Así, traduciu ao hebreo máis de oitenta libros de autores coma Machado, Lorca, Neruda, Borges, Octavio Paz, Cortázar, Cervantes, García Márquez, Vargas Llosa, Roberto Bolaño ou Miguel Delibes tendo participado en multitude de festivais literarios tanto en Israel como internacionais e os seus poemas traducíronse a máis de vinte linguas. Tal Nitzán lerá na Coruña este vindeiro luns 11 na milenaria lingua hebrea, exemplo de recuperación e normalización, seguida das traducións ao galego dos seus textos.