12/05/13

O caso de Anas Said e a cantante Noa



Por Afonso Vázquez-Monxardín
.
Dáme o corpo que Anas Saíd Awad é un pouco carallán. Trátase dun palestino de 26 anos de Awart, unha aldeíña do norte de Cisxordania, que ten unha páxina en facebook. Algunhas das cousas que publica xa lle tiñan traído problemas coa Autoridade Nacional Palestina; un multa por criticón e pouca cousa máis. Pero seguíanlle a páxina. E a mediados de marzo foi condenado a un ano de cárcere como culpable por insultos á xefatura do estado por subir unha foto retocada co Photoshop. 
 
A súa avogada, Rima Al Sayed, e o pai do rapaz estaban alucinados. Aplicaran o artigo 195 do Código Penal de Xordania que penaliza as críticas ao rei; á parte da Lei Básica de 2002, o resto das normas de uso palestinas son unha mestura de vellas leis exipcias, xordanas e das remantentes do mandato británico. O rapaz nin estivo presente no xuízo porque andaba perdido polo palacio de xutiza onde se celebraba a vista e nin deu chegado á sala. ¿E que cousa arrepiante se vía na foto para ser condenado? Pois nin máis nin menos que o Presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmoud Abbas cunha camiseta branca de futbolista e un pé que dicía “O novo dianteiro do Real Madrid”. ¿Obrigatorio ser do Barça-Fundación Qatar? En fin. Por sorte, de alí a pouco o presidente Abbas indultou o rapaz e a cousa quedou noutro susto máis ¿A que non tiñan oído falar deste disparate? ¿Saben por que? Porque as noticias que de alá chegan, chegan vistas só por un ollo. ¿Imaxinan o escándalo se fose unha situación paralela en Israel?

Lémbrome disto a raíz da absurda campaña de AGE pedindo a suspensión do concerto de marabillosa cantante israelí Noa en Santiago o vindiero día 21. Outra saída de ton. Outra chiscadela de ollos ao extremismo, neste caso, ao fundamentalismo antiisraelí. Seguro que lles virán máis indesexadas gabanzas dos órganos da extrema dereita europea como cando impediron o comunicado polo día do Holocauto, alá no xaneiro pasado. Triste ver onde chegaron os admiradores do socialismo do kibutz. Pero lembremos que Noa participou en Eurovisión facendo dúo coa fermosísima palestina de ollos verdes e cor de mel, Mira Awad, en 2009, coa canción There must be another way (Debe haber outro camiño). E lembremos que cando en setembro daquela ano os de AGE de Cataluña (ICV-EUiA) tentaron boicoteala, Mira Awad amosou a súa indignación polo intento de boicot á amiga e xunto coa defensa da independencia palestina e a crítica á intervención en Gaza, recoñecía que o fanatismo aumentara en ambas partes. Dicía que non entendía como a axenda política palestina “sexa vista ou presentada, por culpa de Hamás, como unha axenda relixiosa e extremista. Non é a axenda orixinal do pobo palestino que busca a súa liberdade. Eu loito para que a nosa causa sexa política e humana e non fanática. E remataba falando de cando foron criticadas ambas por iren xuntas a Eurovisión: “Foi unha época moi dolorosa xa que as dúas recibimos moitas críticas. Pero nós seguiremos dialogando e cooperando. Seguiremos berrando a favor da moderación e da paz. En contra do fanatismo. Por iso o boicot contra Noa é inxustificado”. Amén.