14/05/13

Comunicado: Nunca é tarde...se a rectificación é boa



Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI queremos amosar a nosa satisfacción pola aprobación por fin hoxe no Parlamento de Galicia dunha Declaración Institucional de recordo ás Vítimas do Holocausto. Declaración esta que ainda estando prevista en principio co gallo do Día Internacional de recordo do Holocausto que se conmemora en todo o mundo cada 27 de xaneiro por acordo das Nacións Unidas, chega a Galicia con algúns meses de retraso, mais chega que é o realmente importante e así o valoramos.

Desde a AGAI nunca entendimos e así o manifestamos publicamente, o inxustificable veto que dúas forzas parlamentares exerceron no seu momento para impedir a aprobación da Declaración, mais valoramos de xeito moi positivo esta rectificación por parte dos grupos parlamentares de AGE e BNG, rectificación que fixo posible por fin a continuidade no calendario parlamentar galego da conmemoración do Día Internacional do Holocausto.

Desde AGAI queremos manifestar tamén, que en consonancia co texto hoxe aprobado en Pleno e por unanimidade polas catro forzas, e no que se fai unha explícita, clara e rotunda condena de calquera discrimación por razóns de orixe nacional, relixioso, étnico, etc... isto sexa tido en conta e en coherencia non se pidan vetos e boicots contra persoas sexa cal sexa a súa nacionalidade, que visiten Galicia. Nomeadamente o caso actual do chamado ao boicot que desde unha das forzas asinantes hoxe da Declaración Institucional, AGE, estase a facer contra a actuación en Santiago de Compostela o vindeiro martes día 21 da cantante xudía israelí Noa. 

Non sería entendible que ao día seguinte da aprobación do devandito texto se manteña un chamado público que conleva unha flagrante discriminación contra unha cidadá israelí polo feito de ser israelí

Vigo, 14 de maio de 2013

LER AQUÍ O TEXTO DA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL