31/01/13

Risco, o Holocausto e o antixudaísmo



Por Afonso Vázquez-Monxardín

Vicente Risco publicou en 1944 un libro (Historia de los judios desde la destrucción del Templo) que xunto coas colaboracións de prensa desde os inicios da guerra –en favor de Franco- e outras achegas en La Región e na revista Misión, durante a II Guerra Mundial –en favor de Hitler e do racismo- enchen de oprobio e vergoña a súa lembranza. Por eses posicionamentos en favor da guerra contra a II República e en favor do fascismo na II Guerra Mundial, Castelao escribiu no Sempre en Galicia... “Dicía Risco, cando Risco era alguén”. Pero Castelao erraba. Risco sempre foi e será alguén. Poliédrico. Con ideas. Cambiantes. Así hai que asumilo. Co bo e co malo. Coa luz e coas sombras. Precisamos máis historia e menos haxiografía.

Ese libro citado, de máis de 400 páxinas, non é, desde logo, unha improvisación. Non é un artigo exaltado dun mal día. É unha reflexión de alguén engaiolado naquela altura polo bando que había de perder a II Guerra Mundial. Gababa o nazismo, por exemplo, dicindo “Los alemanes veían levantarse al fin una fuerza positiva contra aquel odiado enemigo por el cual sentían, inclusive, asco físico, y que, sin embargo, se había entronizado sobre ellos con la república (de Weimar)” (p.433). Citas, como esta e peores, ducias.

A quen vén isto? Pois a que o día 27 de xaneiro, desde 2005 celébrase por decisión da ONU o “día internacional de lembranza do holocausto” para que as novas xeracións non esquezan que unha vez, non hai tanto tempo, houbo un réxime que intentou exterminar industrialmente un pobo enteiro, por razón da súa relixión e cultura. E mentres isto ocorría había quen aplaudía e quen calaba. E tanto lle tiñan aos nazis se os trens chegaban con xudeus de Holanda, Grecia, Polonia, Alemaña ou calquera outro lugar dos que dominaban. Eran xudeus. Así, como sabemos todos, seis millóns deles e dous de xitanos, foron mortos a tiros e en cámaras de gas. Morte industrial por razón de orixe. Algo inédito.

E na proximidade destas datas podemos reflexionar como en España, un dos poucos países ocidentais sen a penas minoría xudía e un dos máis atacados por Al Qaeda –lembremos o 11-M ou o atentado de Casablanca- é tamén o lugar no que máis difícil topar obxectividade e distancia, na prensa sobre o tema.

En Europa, mal que vén, despois da II Guerra houbo un proceso de desnazificación. En España non. Ata os seus últimos discursos o pequeno ferrolán teimaba nos xudeus e masóns como os culpables dos males de España. Se cadra a falla de distancia e de ecuanimidade actual é herdanza, sen sabelo, daquelas ideas franquistas e da acusación de pobo deicida do nacional catolicismo do que tamén bebía Vicente Risco.

En fin, se unha persoa da preparación e altura intelectual de Risco, pode chegar a ter unha posición tan ignominiosa, que non dicir do resto dos mortais.

As irmás Touza de Ribadavia e outros moitos xustos e xenerosos, salvaron xente naquelas guerras horrorosas. Mentres outros calaron. E outros aplaudiron.

Nunca máis.