Na súa máis recente novela O cemiterio de Praga, Umberto Eco describe cómo un espía ao servizo de sí mesmo, un grupo de escritores fracasados e algún axitador crean un documento falso que chega a converterse en dogma de fe para distintos grupos políticos e relixiosos. Dito documento recollía os discursos ficticios dunha xuntanza tamén ficticia, nocturna e secreta na citada necrópole na que rabinos de toda Europa planifican o xeito en que os xudeus traballarán arredor de 100 anos para chegar a dominar o mundo para sempre. Compre decir que dita xuntanza non ten lugar nunha data concreta senon que o autor de tal invención vaina desenrolando e modificando ao longo duns vintecinco anos na segunda metade do século XIX.
Aínda que estivo rodeada de polémica, o esencial é que na novela Eco reflicte un movemento que realmente se estaba a dar en Europa e que pretendía crear unha corrente de opinión contraria ao pobo xudeu culpabilizándoo dos males que aqueixaban ás sociedades e atribuíndolle un perverso plan para acabar coa moral, a relixión e o pensamento occidental. Na vida real, eses movementos culminaron nos tristemente famosos Protocolos dos Sabios de Sión.
Algo despois de que se perpetraran os Protocolos, Houston Stewart Chamberlain escribía "Os Fundamentos do Século XIX", no que xa falaba da supremacía xermánica e da necesidade de “facer algo” cos xudeus. E en 1890 o infausto Theodor Fritsch chegaba a deputado no Reichstag polo Partido Antisemita. Tanto os Protocolos como os Fundamentos ou os escritos de Fritsch introducían unha novidade respecto do tradicional antisemitismo europeo: falaban dos xudeus como perigosos conspiradores, arribistas e contaminadores da pureza racial. Ata entón, as críticas ían máis encamiñadas a imaxinarios sacrificios rituais de nenos cristianos ou ao sempiterno deicidio de Cristo.
O resultado das presuntas conspiracións inventadas nesas obras non foi o dominio xudeu do mundo, senon as cámaras de gas.
Creo que nesta data de lembranza da Shoah, convén repasar aqueles antecedentes e ter moi presente que a furia asasina antisemita non se xenerou nos doce anos de goberno de Adolf Hitler. Levaba case cen anos cociñándose e aínda que a capitaneou Alemania, contou con moitos colaboradores de palabra, obra e omisión…
Nestes tempos de crise nos que quedou claro que o aire non se come, corremos o risco de que volvan aparecer teóricos do complot xudeu como explicación de tódolos males. “Iniciativas” como as da Librería Europa ou as páxinas web Stormfront e Metapedia son vistas aínda con recelo ou ata mofa pola maioría da sociedade…pero non esquezamos que Hitler deu os seus primeiros mítines ante pouco máis de dez persoas.
Pode que Chamberlain, Fritsch ou Heydrich sonen a moi antigo. Pero o odio que os “inspirou” a eles segue vivo nalgures e disposto a estoupar. E a lembranza da Shoah cada ano por estas datas é o mellor medio para que ese odio desapareza algún día ou, cando menos, siga soterrado outros doce meses.
* xornalista e socio de AGAI