19/11/12

Comunicado sobre a situación en Gaza e Israel:




A PAZ É O ÚNICO CAMIÑO

HAMAS DEBE DETER OS ATAQUES CONSTANTES E PROVOCACIÓNS

Máis unha vez, desde determinados sectores estase a pretender xerar entre a opinión pública a sensación de que Israel está a actuar estes días por capricho, sen ningunha provocación previa e movido seica por simple sadismo antipalestino.

Esquecer deliberadamente que máis dun millón de cidadans civis israelís viven a cotío desde hai anos baixo constantes ataques terroristas desde a Franxa de Gaza que teñen como obxectivo as cidades do sur de Israel e incluso nos últimos horas Tel Aviv é un fraco favor a causa da obxectividade e da boa información.

Cómpre lembrar que Israel retirouse por completo no ano 2005 da Franxa de Gaza e poucos meses despois o grupo terrorista Hamás tomou o control da mesma a través dun brutal golpe fronte á lexítima Autoridade Nacional Palestina. Golpe que deixou centos de mortos palestinos a súa inmensa maioría militantes de Al Fatah ou funcionarios da ANP

Desde que Hamas conquistou o control da Faixa de Gaza fixo da mesma un trampolín para o acoso e ataque do veciño israelí. Hamás converteu de feito a Franxa de Gaza nunha incubadora de grupos terroristas, incluindo a células de Al Qaida. Todo isto baixo o control, o financiamento e a responsabilidade de Hamás en tanto que única autoridade na Franxa.

Durante moito tempo Israel mantívose na contención responsábel fronte ao constante ataque aos seus cidadáns.

Ningún outro estado no mundo aceptaría este tipo de ataque durante tanto tempo sen reacciónar na defensa dos seus cidadáns. Ningún. Porque todo estado ten o dereito e a obriga de defenderse e de defender aos seus cidadáns de ataques terroristas.

A estratexia de Hamás, Yihad islámica e outros grupos terroristas desde Gaza é lanzar mísiles desde a súa propia poboación civil apuntando á poboación civil israelí. Trátase xa que logo, dun duplo crime de guerra que busca a reacción de autodefensa de Israel para empregando a súa propia poboación civil como escudos humanos causar vítimas que logo presentar aos medios de comunicación.

É importante salientar que a pesar da ameaza e os ataques de Hamás, Israel mantén a día de hoxe aberto o paso fronteirizo para garantir a libre circulación de bens e material humanitario.

Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI reiteramos a nosa firme aposta pola negociación e mutuo recioñecemento como única vía para a resolución do dramático conflito palestino-israelí e a conquista da merecida paz para ambos dous pobos.

Vigo, 19 de novembro de 2012