18/07/12

Comunicado de AGAI: Atentado en Bulgaria



Desde a ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL - AGAI condenamos con extrema firmeza o brutal ataque terrorista perpetrado hoxe contra un autobús de turistas israelís en Bulgaria, o cal causou a morte de cando menos seis persoas e ferido a dúas ducia máis. Desde a ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL solicitamos da comunidade internacional a persecución dos culpábeis e a súa posta a dispor da xustiza.

O feito macabro de que o ataque coincida co 18.º cabodano do atentado terrorista contra o Centro Comunitario Xudeu AMIA en Buenos Aires, un 18 de xullo de 1994, e no que foron asasinadas 85 persoas (entre elas un galego, Alberto González) e ferido a máis de 300 nun atentado perpretrado polos servizos de intelixencia de Irán e Hezbollah, non fai máis que incidir ainda máis na obriga internacional de por freo a implicación do réxime iraniano no terrorismo internacional

Unha vez máis, cidadáns civis israelís foron obxectivo de terroristas, e a pesar de que no momento de emitir este comunicado non temos confirmación da autoría do acto terrorista en Bulgaria o que si deixa claro é que o terrorismo contra cidadáns israelís non ten ningunha fronteira, e que os terroristas non perderán unha oportunidade de ir na procura de civís israelís ou xudeus.

Desde a ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL – AGAI queremos transmitir a nosa solidariedade moi especial coas familias das vítimas

Vigo, 18 de xullo de 2012