Por Alfredo Conde
Publicado na revista "De Compostela a Ierushalaim" nº1
Publicado na revista "De Compostela a Ierushalaim" nº1
A miña tía avoa Raquel morreu con noventa e nove anos. Trátase dunha boa idade pra morrer. Hoxe tería uns cento trinta. A súa irmá Áurea, a Titá, pequeniña e miuda, aínda que de proporcións esveltas, tamén morreu sendo da mesma idade. Un día, pilléina correndo polo pasillo da casa. Pero, Titá, díxenlle, qué fas? Paróuse en seco. É verdade, respondéume, é que nunca me acordo de que teño noventa e nove anos, e claro. Logo sigueu andando a modo cara a cociña, que debía ser onde dirixira a súa aloucada e doméstica carreira. Por aquel entón aínda era quen de tocar o piano e poñerse a entonar cancións cunha voz apagada xa, si, pero aínda fermosa e e doce. Dalí a pouco, a Titá, empezou a dicir que cumprir cen anos era obsceno. Un día encamou, deixou de ter apetite e deixouse ir pra poder seguir sendo decente. Quíxena moito, á Tita. A Raquel non a quixen tanto. Meu pai, sobriño político dela, chamáballe A Sapa. Xa llo chamara o home da Titá, o tío Xan, ó que eu non coñecín. Víaselle que lle acaía.O avó materno delas e máis da miña avoa Regina, tamén materna, fora escribano en Maceda antes de que os escribanos se volveran finos e comezaran a se chamar notarios.
A tía Raquel contabame que, sendo nenas, cada vez que as outras nenas as querían insultar, dicianlles rabí, rabí! Cando mo contaba eu entendía o afán da miña nai pola literatura escrita por xudeos e non deixaba de relacionar os ditos e as consellas, as paremias e os refinamentos verbais da miña avoa Regina cos que viñan nesas novelas que eu tamén lía. Logo atoparía toda esa cosmovisión, todas esas pautas de comportamento, condensadas, reflectidas nos seiscentos trece mandamentos de Maimónides. Ou iso creo.O meu avó paterno foi médico. Hoxe andaría entre os cento trinta ou cento corenta anos, acaso algo máis. Recordoo sempre dacabalo, lendo, mentres se desprazaba a consultar enfermos, vestido enteiramente de negro e cuberto cun chapeu negro. Unha vez, en Praga, estando cun amigo escritor, esperando polo guía que nos había acompañar ós dous, vin nun trinque un sombreiro igoaliño que os do meu avó e merquéino de contado. Acto seguido, cubrinme con el. Eu ía moi traxeado en negro. Nestas, o meu amigo sinálame unha moza que ven surrindo cara nós e dime: debe ser a guía que esperamos. Cando a beleza que surría chegou onda nós dirixéuse a mín e díxome: Ides ou vindes de Xerusalem? Debeu pensar que eu era un rabino. Daquela viaxe gardo esta anécdota, un vello gramófono e máis un arce que arrinquei no cimeterio xudeo, ó pé mesmo da campa de Frank Kafka, e que hoxe asombra a miña horta.Veño, pois, de xentes que se ocuparon nos oficios que se lle consentiron ós xudeus e que se comportaban en sintonía co millor que se agardaba deles.
Quen dos meus non foi médico, foi boticario; quen non foi escribano, foi escritor; mesmo houbo entre os meus curtidores que conseguiron gran fortuna logo de chegar a Galicia dende fóra, non hai aínda tantos séculos, dous tan só. O resto, agás os Vés Duran da miña avoa paterna, que viñeron das lindes de Aragón e Cataluña, exiliados logo da I República Española, agás eles, os meus, todos, son galegos de vello. Pero todos, prácticamente todos, veñen de por aí, ou de todo por aí por onde eles andaron veño eu, afeito a paremias e ditos, sombreiros e actitudes que, o acendrado catolicismo dos máis deles, se eu ben o vexo, aínda non conseguiu desterrar.É a miña, xa que logo, unha familia católica, apostólica e romana dende Deus saberá cándo, probe de mín, que me confeso agnóstico e me sei de formación xudeo-cristiá. Pero tamén herdeiro de todo canto a Ilustración aportou ó ser humano, dende os dereitos que o amparan ata a Luz que pretende iluminalo, aínda, nestes comenzos de século nos que tales ideais se atopan xa en regresión que se da por inevitable, agás que a nosa dedicida vontade se empeñe en evitar tal decadencia.Séime, pois, pertencente a unha certa maneira de comprender o mundo, a unha concepción da cultura que entende por tal todo canto atinxe ó home. Ó mesmo home ó que nada do humano lle pode resultara alleo.Séime decidido partidario da paz entre os homes e as nacións. Sei que unha lingua non é nunca nemiga doutra lingua e que unha relixión non debera selo tampouco doutra. Pero non ignoro que os homes fan que esas inimistades xurdan, que eses enfrontamentos se produzan, e sei que, chegada a hora de optar, se me empuxaran a elo, se mo impuxeran e non me quedara outro remedio que optar, primeiro seguiría optando pola paz. Logo, xa en derradeira instancia, sei que optaría por todo ese sistema de valores do que se falaba un pouco máis atrás. O que nos aportou a dignidade de ser homes, o reconocemento da existencia duns dereitos que nos identifican como tales, xunto coa libertade e maila condea que sempre implica o ter que vivir nela, pois teño por certo que o home é libre e está condeado a selo. Pra elo sei que debo consideirar a razón coma instrumento de relación e de traballo, nunca a ignoracia, a fe cega e irracional, a violencia como argumento irrefutable, pois sei que un home nunca é máis ca outro. Nin menos.