VISITA DO MINISTRO CONSELLEIRO DE ASUNTOS POLÍTICOS DA EMBAIXADA ISRAELÍ, SR. OREN BAR-EL A TERRAS OURENSÁS
O día 20 de outubro, o sr. Oren Bar-el, incorporado á Embaixada de Madrid o día 1 de setembro pasado, estivo de visita en Ourense. Tres foron as visitas de cortesía que levou a cabo para este seu primeiro contacto coas autoridades ourensás e a oferta de colaboración da embaixada para canto teña que ver coas relacións bilaterais. Nas tres manifestou o seu interese en ser útil, tamén desde a súa experiencia de agregado económico e científico da embaixada en París, cargo que exerceu varios anos antes de vir a Madrid.
As visitas comezaron ás 10:30 da mañá en que foi recibido polo Presidente da Deputación de Ourense, Sr. José Luís Baltar Pumar na sede do Pazo Provincial e onde se produciu unha charla sobre a conveniencia da paz para a zona de medio oriente e a vontade da Embaixada de proxectar unha imaxe do seu país máis alá das informacións sempre relacionadas co conflito territorial. Cun intercambio de agasallos protocolarios rematou a visita.
Posteriormente, O Sr. Oren Bar-el trasladouse á Casa do Concello onde foi recibido polo alcalde Sr. Francisco Rodriguez co que mantivo unha animada charla no mesmo sentido de necesidade de busca da paz e da conveniencia de difundir informacións alternativas sobre a realidade israelí máis alá das simples denuncias tópicas sobre o seu país que tanto enrarecen o clima de mutua comprensión. Puxo como exemplo desta proxección da realidade israelí, a abondosa presenza de cinema desta nacionalidade no Festival de Cine que se desenvolve na cidade nestes días. Recibiu o alcalde como agasallo un libro sobre a cidade de Tel Aviv e o ministro da embaixada levou o correspondente sobre a cidade das Burgas.
A continuación trasladouse a Ribadavia onde foi recibido ás 12:30 na Sede do Concello polo Sr. Alcalde Marcos Blanco, o concelleiro de Cultura, José Prieto, o Presidente do Centro de Estudos Medievais, Sr. José Luís Chao, e o historiador e representante desa entidade, Sr. José Ramón Estévez. A xornalista Sabela Pinal de La Region, cubriu o acto. No encontro, felicitou ao Centro de Estudos Medievais polo prestixioso premio Samuel Toledano deste ano, e comprometeu a presenza institucional de alguén da embaixada en Ribadavia para a entrega do mesmo, en decembro deste ano e foi informado dos traballos que comprometen a Ribadavia na busca de incorporación de Portugal á rede de Xuderías da península e das posibilidade turísticas que se abren con esta posibilidade.
Posteriormente percorreu as rúas de Ribadavia parándose nos lugares emblemáticos da presenza xudía e xirando tamén unha visita ao castelo dos Sarmiento.
Despois de xantar na Praza maior xunto co alcalde, as autoridades sinaladas e o coordinador de AGAI en Ourense, Afonso Vázquez-Monxardín, seguiu a súa viaxe de toma de contacto con Galicia.
(1) O Centro de Estudos Medievais de Rivadavia ven de ser recoñecido co prestixioxo Premio Samuel Toledano 2011. Premio que seralle entregado en Xerusalén o vindeiro 30 de outubro. Máis información: www.samueltoledanoprize.org.il