19/10/11

Comunicado de AGAI:




Perante a liberación de Gilad Shalit


Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI queremos facer pública a nosa felicitación pola posta en liberdade do soldado israelí Gilad Shalit secuestrado desde había xa 5 anos. Alegría que queremos compartir coa súa familia e con toda a sociedade israelí.


Tras máis de cinco anos de secuestro e tortura en mans da organización terrorista Hamás, e a pesares dos múltiples esforzos e negociacións sen éxito tentados polo goberno israelí e outras institucións tanto israelís coma internacionais, por fin puidemos ver ao soldado israelí vivo e coa súa familia.


A Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI valora o risco e a valentía que ven de asumir o goberno de Israel. Valoramos pola súa enorme dificultade, a súa flexibilidade e solidarizámonos coa sociedade israelí por chegar a un acordo -moi doloroso- mais o único que podía posibilitar a posta en liberdade dun cidadán israelí secuestrado no exercicio das súas funcións encomendadas.

O ano pasado unha delegación da nosa asociación puido amosar en Xerusalén, na propia carpa que durante anos serviu de facho público polo non esquecemento e pola liberdade de Gilad, a nosa total solidariedade e incondicional apoio de AGAI aos pais de Gilad Shalit na súa infatigábel loita durante estes duros e incertos cinco anos.


A Asociaciación Galega de Amizade con Israel-AGAI entende que este dificil e moi doloroso acordo amosa claramente máis unha vez, o inxustificábel e irresponsábel da actitude obstrucionista da Autoridade Palestina que preside o Sr.Mahmud Abbas na súa negativa a sentarse a negociar co goberno israelí a pesar dos reiterados chamados deste en prol do reinicio das regociacións.

Vigo , 18 de outubro de 2011