14/09/11

Ao coidado de Barreiro Rivas


Por Pablo Veiga

O pasado sábado día nove publicouse na columna de Xosé Luis Barreiro Rivas un artigo referente á posible proclamación pola ONU do estado palestino. Lido con atención, causoume sorpresa a parcialidade e inexactitudes que contiñan as afirmacións nel reflectidas. Comeza o profesor e analista político galego falando de inxustizas, masacres, xenofobias e usurpacións por parte de Israel cara os palestinos. Quixera saber a súa opinión sobre a expulsión masiva de xudeus –entorno ao medio millón- nos países árabes a raíz da creación do estado de Israel, ou dos atentados indiscriminados suicidas contra a pobación civil sen ningún tipo de distincións ou a teima en aniquilar a Israel como país, idea que proclama o goberno de Irán, Hamás e outras organizacións.

Alude o señor Barreiro á sistemática destrucción de infraestruturas e servizos nos chamados territorios ocupados; curioso que diga iso cando en Israel se presta atención médica a palestinos e se suministra todo tipo de material, tanto a Gaza como a Cisxordania, cos lóxicos controis para que non sexa utilizado para atacar pobos e cidadáns israelís. Outra lindeza que solta a hábil pluma do mencionado refírese á alteración de equilibrios territoriais a favor de Israel por medio de guerras. Mágoa que non se lembren os episodios bélicos onde os países veciños perseguían botar todos os xudeus ó mar e borrar a Israel do mapa, obxectivos que non se acadaron, nin que o estado hebreo devolveu a Exipto a Península do Sinaí, que é máis extensa que todo Israel a cambio do cese de hostilidades e recoñecemento do dereito a existir. E por último –aínda que hai máis- referirse a Israel como estado étnico-relixioso (xudeu, enténdese); non obviaremos o seu carácter, por suposto, pero cumpriría sinalar que un vinte por cento dos seus habitantes son árabes-palestinos, musulmáns maiormente, con cidadanía israelí e plenos dereitos infinitamente superiores, de momento, ós dos países do entorno. E lanzar a idea da creación dun estado laico, multiétnico e multirracial, aparte de utópico resulta cómico.

A solución de dous estados? Por suposto, esa era a idea da partición da terra palestina por parte da ONU hai máis de sesenta anos; uns aceptárono e outros empeñáronse en liquidar ó contrario. Uns crearon unha sociedade democrática, de dereito, e produtiva . Outros, aí están os seus progresos.