03/08/11

Xudeus de Tui


Por Suso Vila.
Historiador

Na Galicia medieval, a presenza xudea non queda reflectida convenientemente na documentación ou nos restos materiais, o que pode transmitir en xeral a existencia dunha poboación escasa. Tui participa do panorama xeral dos xudeos galegos na dificultade das fontes documentais e dos vestixios arqueolóxicos. A grande diferencia da aportación tudense ao coñecemento da comunidade xudea galega radica na variedade da súa documentación e restos materiais, trazando os diferentes momentos da evolución da comunidade e as súas relacións cos seus veciños cristiáns. Deste xeito os xudeos tudenses deberon conformar un dos principais núcleos da Galicia medieval, ao abeiro da prosperidade social e económica da cidade de Tui nos séculos XII e XIII. As especiais condicións comerciais e sociais que Tui e o seu bispado (a un lado e ao outro do Miño) presentaban, incentivaban a configuración dunha comunidade próspera, que só o declinio da cidade no século XV, baixo os constantes asedios e guerras nobiliarias, debeu aminorar e facer case invisibles á documentación conservada ata hoxe.

Non podemos falar de Xudería de Tui, sensu strictu, xa que este termo designaba un espazo concreto da cidade que era habitaba case en exclusiva polos xudeos. En Tui os xudeos que se asoman na documentación, habitan en diferentes partes da cidade, algúns ocupando inmobles nos arredores dos centros de poder económico e político, e outros nas rúas exteriores.Do que sí podemos falar é da existencia da Alxama tudense, non só expresada como tal na documentación galega, senón que a existencia dos espazos sociais e culturais propios dos xudeos. A Alxama era o goberno autónomo dos xudeos na cidade, e eran xulgados baixo a lei mosaica, sempre que non entrasen entrasen en conflictos competenciais (Concello e Bispo). A máxima autoridade da Alxama era o xudeo maior, e este administraba xustiza ou organizaba a recollida dos diferentes tributos que os xudeos aportaban ás arcas reais.As institucións reglamentarias que identificaban propiamente á comunidade xudea xunto cos edificios comunitarios correspondentes permitían configurar a Alxama como tal, sendo un de estos elementos o mesmo cemiterio, un espazo sagrado que debía contar cunha serie de características como que a terra nunca tivese sido cultivada, a súa distancia coa cidade, lugar elevado, proximidade a un río, etc. Neste senso o cemiterio xudeo de Tui encadrábase nos requisitos dispostos pola tradición hebrea, ubicándose nas cercanías de Riomuíños, barrio industrial do Tui medieval, xunto do camiño real que ía á vila e porto de Baiona, nunha elevación no lugar hoxe coñecido como barrio da Sarabia. A sinagoga era unha parte senlleira da comunidade xudea; en Tui a súa existencia está documentada nun inventario de 1546; "por las casas que foron Toura dos Judeus que he a cabalerica que esta pegada ao muro han as aniversarias de pension oyto maravedis". Aclarándonos este dato a ubicación da sinagoga, na rúa da Oliveira e xunto da muralla, e unha característica; que eran varias casas, polo que debeu representar as tres funcións que lle eran asignadas a este espazo comunitario: casa de reunión, casa de oración e casa de estudo. Esta última función fica clara coa propia expresión de "Toura", referente ao estudo da Torá. Do mesmo xeito que o cemiterio, a sinagoga logo da expulsión de 1492 pasou a mans do Bispo e Cabido tudense, quen as aforaría a diferentes perosnaxes. No caso da sinagoga, a súa utilización como cabaleiriza só reflicte un dos usos que se lle deu en Tui a moitas vivendas ben arruinadas ou ben sen habitar, debido á recesión demográfica que padeceu a cidade a fins do século XV. A sinagoga era de planta baixa, xa que non se podía construir sobre o espazo sagrado do tabernáculo, idea que nos pode suxerir tamén a súa reconversión en cabaleiriza. Outro edificio comunitario xudeo era a carnicería, necesaria para os ritos "kosher" (tal e como se estipulaba na Torá, Levítico, 2 e no Deuteronomio 14:3, 21) no que o sacrificio do animal se ten que facer dunha determinaba forma para o seu consumo polos xudeos. En Tui existe a única referencia a un carniceiro xudeo en Galicia, "Pero Xudeo", quen habitaba na rúa da Carniceiría ou Triparia, propia dos carniceiros tudenses, a comezos do século XV. O forno ou a taberna, espazos tamén importantes para a comunidade xudea, tamén deberon existir na cidade, xa que a mesma contaba con numerosos fornos, mentres que as tabernas teñen un carácter máis hermético no Tui medieval.

A comunidade xudea de Tui reflectíu a súa presenza na cidade en varias testemuñas materiais aínda hoxe conservadas: unha delas é a gravura da Menorá ou candieiro de sete brazos (símbolo na diáspora do pobo hebreo) no claustro catedralicio, indicio da participación da comunidade nas obras do claustro gótico na primeira metade do século XIII, nun exemplo de convivencia coas autoridades episcopais e capitulares, donas da cidade. Unha das torres da muralla tudense (século XII), no sector norte, chamábase do Xudeo, nome que puido derivar da presenza dalgunha personaxe importante.

Na documentación tudense, a aparición de diferentes personaxes xudeas, amosa as relacións económicas que rexían entre o Cabido e os xudeos en múltiples aspectos. Don Samuel, quen vivía seguramente na rúa da Carpentaría, recibe un tratamento que o identifica con algunha importante personaxe existente en Tui a fins do século XIV; os prateiros Abraam e Jacó, facendo cálices e cruces ao Cabido o emprestándolle diñeiro para pagar os trámites burocráticos en Roma en 1435; o mercader León e o seu xenro Salomón quen fixera unha casa na rúa Canicouba, aínda hoxe conservada; Davy, aliofareiro, ou o que é o mesmo un prateiro especialidado en perlas.

Importante capítulo sería o dos conversos, no que Tui destaca en dous casos, o de Vasco Peres, fillo de Pero Xudeu o carniceiro, que entrará como neno de coro e acabará sendo cóengo a mediados do século XV. Tamén o prateiro Aaron Amin, que permanecerá en Tui logo de conversión forzosa tralo decreto de expulsión dos Reis Católicos en 1492, e que traballará en moitas obras para o Cabido o mesmo que o seu fillo Pero Amin a comezos do século XVI.

O decreto de expulsión de 1492 presentará en Tui dúas testemuñas do drama: Salomón deixará a súa casa por "que el agora seya desta terra"; mentres Davy facía o mesmo vendéndoa a Branca Alvares (probablemente conversa) nunha operación que ficaba proibida polo decreto de expulsión (a monetarización dos bens e a súa fuga do reino) pero que será amplamente consentida polos membros do cabido tudense.

Finalmente, o periodo comprendido pola convivencia dos xudeos conversos e a persecución da Inquisición sobre esta poboación, orixinou unha das testemuñas máis valiosas hoxe dese momento, os Sambenitos da Catedral de Tui, materiais dun dos procedementos "exemplificantes" que tiñan os procesos inquisitoriais, e que parou sobre varias familias de orixe conversa a comezos do século XVII por mor da chegada ao cabido de varios membros da familia Coronel, de orixe xudea.