Por Afonso Vázquez-Monxardín*
Galicia-Hoxe / La Región
Cado chegou á presidencia do goberno Adolfo Suárez moitos botaron as mans á cabeza. A imaxe máis recorrente era Suárez con chaqueta branca e camisa azul xurando un cargo do Movimiento. Pensaron moitos que sería mellor Fraga, embaixador en Inglaterra, con sona de liberal, coñecido pola aperturista lei de prensa, polos Paradores de Turismo e polo ousado baño de Palomares. E a democracia acabou vindo da habilidade na maniobra de quen menos se esperaba e do compromiso insobornable dun rei posto por Franco.
Así pois, quero desexar unha equivocación semellante ante o acordo entre Hamás e a Fatah asinado no Cairo. Lembremos que nos comezo dos 2000 era tempo de esperanza. Israel retirouse de Gaza en 2005, logo de Líbano en 2006, no verán de 2007 houbo unha cruentísima guerra entre ambos bandos palestinos e Hamás quedou con Gaza. Representaban un islamismo radical, violentísimo, contrario a calquera diálogo, patrocinado por diñeiro do petróleo, e moi próximo á xente descorazonada coa corrupción que rodeou a Arafat. Estes catro últimos anos de separación entre Cisxordania e Gaza non foron bos para ningún dos tres bandos. Hamás sufriu primeiro a guerra con Fatah (2007), logo con chumbo derretido (2008-9) a represalia máxima de Israel polo secuestro do soldado Guilad Shalit (2006) e polo constante bombardeo das cidades do sur de Israel, o enfrontamento armado cos alqaedistas dos Soldados de Alá no sur de Gaza (2008) A vida pois, alí non é fácil. Aínda así, e por iso, obtivo como rédito que boa parte da opinión pública europea se deixase levar por vellos fantasmas de antiamericanismo e antixudaismo, pola simpatía automática a David fronte a Goliath e esquecese que Hamás está sinalada pola Unión Europa como organización terrorista pola súa participación e gabanza de atentados suicidas, asasinatos contra colonos e cultivo extremo da violencia. Mahmud Abbas, pola súa parte, presidente dun goberno que empezou cos mellores augurios só controla Cisxordania e tampouco logrou avances do tema dos dous estados mentres fai equilibrios imposibles e só agora logra unha reconciliación que veremos a cal das árbores se arrima. Israel á parte dos atentados ocasionais, viuse desacougada por xuízos contra os máximos dirixentes do país e a crecente incomprensión occidental ás súas posturas politicas. A paz convenlle a todos.
A novidade última é o dinamismo das situacións políticas do islam nos últimos meses. Os cambios en Túnez, Exipto e os postos en marcha en Iemen, Siria, e Libia contan coa simpatía e apoio ocidental. O réxime sírio, apoio principal de Hamás e de Hizbulá está na corda frouxa e a futura sede de Hamás en Qatar ou no Cairo, deberá contribuír a moderar o discurso e facelo confluente con Mahmud Abbas. Así pois, o recoñecemento do estado palestino en setembro por parte da ONU só poderá ter apoio se ambos recoñecen mutuamente o seu dereito á existencia e se hai fronteiras definidas para ambos estados. Hamás debe mover ficha. E movela moito, por certo. Empezando por liberar ao soldado Guilad Shalit. O outro escenario, xa o coñecemos.
*Afonso Vázquez-Monxardín é escritor e socio de AGAI