A ASOCIACION GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL AMPLIA A SUA DIRECTIVA, E NOMEA SOCIOS DE HONRA
- O editor de “Santiagosiete” e un exconcelleiro do BNG, novos vogais
A IV Asemblea Xeral da Asociación Galega de Amizade con Israel - AGAI celebrada en Santiago elexiu como novos directivos ao editor do semanario “santiagosiete”, Pedro Mouriño e a o exconcelleiro do BNG en Neda, Abel García López. A asociación AGAI, presidida por Pedro Gómez-Valadés, tamén decidiu nomear Socios de Honra ao escritor, filósofo, xornalista e profesor universitario israelí, Gustavo D. Perednik; ao supervivente do Holocausto, o poeta austríaco e profesor emérito da Universidade de Barcelona, Jaime Vándor; e á xornalista e escritora catalana, exdirixente de Esquerra Republicana que foi vicealcaldesa de Barcelona, Pilar Rahola.
A Asemblea, que tamén celebrou o 63 Aniversario da Independencia de Israel, recibiu numerosas mostras de apoio procedentes de distintas partes do mundo, nomeadamente do Museo Yad Vashem de Xerusalem que, nas catro viaxes organizadas por AGAI ao país hebreo foi depositario de libros e publicacións relacionados con Galicia e as súas xuderías. Outras misivas chegaron da Casa Sefarad-Israel, asinada polo seu presidente Diego de Ojeda, do Keren Kayemet Leisrael, que é o Fondo Nacional Xudeu responsable da plantación, dende 1901, de 230 millóns de árbores naquela árida terra, de Radio Sefarad, da Organización Sionista Mundial, de Isaac Querub Caro, presidente da Federación de Comunidades Judías de España e do actual Embaixador de Israel en España, D.Raphael Schutz.
- Vigo, 8 de Maio de 2011 -