Por Pedro Gómez-Valadés
A lenda de Osama Bin Laden sustentábase fundamentalmente no feito de que estaba vivo, de que conseguira atacar no corazón emocional do imperio americano e de que conseguira fuxir durante unha década da persecución (agora vese que implacábel) dos Estados Unidos. A execución en Bagdag de Sadam Hussein o 30 de decembro de 2006 alongou a súa lenda e fixo máis escandaloso se cabe o estrondo da gargallada perpetua na que vivia o inimigo número un dos Estados Unidos e de todo Occidende. Porque podían caer si, e con relativa frecuencia nas montañas de Paquistán ou en Afganistán os números tres de Al Qaeda, mais Bin Laden seguía agochado na súa fortaleza descoñecida. Ate o pasado domingo.
Pero cal foi o maior éxito de Bin Laden? Na miña opinión claramente o maior éxito de Bin Laden foi conseguir crear unha organización que podía (poderá?) sobrevivirlle. Esixía a outros grupos yihadistas -ao xeito dunha franquicia do terror- un xuramento de lealdade e acatar unha mensaxe islamita fanática, pero non impuña misións concretas e permitía a ampla autonomía operativa dos múltiples grupos que operan sob o paraugas de Al Qaeda, “A Base”. Porque a descentralización é un dos puntos crave da súa exitosa estratexia e o que o facía -e fai- máis perigoso para os servizos de intelixencia occidentais que desde hai unha década tiñan a cabeza de Bin Laden como obxectivo número un.
Descabezar a Bin Laden (figuradamente) é sen dúbida descabezar á organización máis perigosa do actual mapa do terrorismo islamista a nivel global. Afortunadamente morto Bin Laden, ningún membro de Al Qaeda poderá durmir xa tranquilo. Lembrar que Estados Unidos chegou a ofrecer 50 millóns de dólares pola súa captura e aínda así ninguén falou, ninguén delatou a quen parecía posuir o don da invisibilidade e da fortuna eterna. Ate o pasado domingo.
Algúns analistas afirman que o perigo ven agora, que a vinganza de Al Qaeda será terribel. Discrepo. Por suposto que Al Qaeda tentará provocar unha masacre, cometer un acto terrorista de alta simboloxía. Mais a cuestión é, antes, con Bin Laden vivo, non era ese un dos obxectivos fundamentais e fundacionais de Al Qaeda?
Se os actos denominemos megaterroristas (11-S, 11-M, Metro de Londres...) non sucederon con máis frecuencia foi só pola eficacia dos servizos de seguridade e de intelixencia que nun discreto e escuro segundo plano, traballan día e noite para que os peóns da historia poidamos subir a un tren, baixar a un metro, voar nun avión… sen ver posta en perigo a nosa vida só pola visión fanática, totalitaria e xenocida do terrorismo islamista, nomeadamente Al Qaeda mais non só Al Qaeda.
Porque hai moitas máis bandas terroristas de ideoloxia islamista no mundo. Hai uns días, foi feito público o acordo entre Al Fatah e o grupo terrorista islamista Hamás. Un acordo que seica pretende pon fin ao duro e inclemente conflito interno entre unha Fatah que quere chegar a un acordo negociado de Paz con Israel, baseado na solución de dous estados para dous pobos, e unha organización manifestamente terrorista que chama e reitera unha e outra vez que o seu obxectivo é a destrucción de Israel e o establecemento dun califato islamita que ocupe todo o actual Estado de Israel e os Territorios palestinos, (Cisxordania e a Franxa de Gaza). Onte unha das reaccións máis sinceras e honestas (nunca discutirei a “honestidade” homicida de Hamas) á morte de Osama Bin Laden foi precisamente a que chegou desde Gaza na voz do seu máximo dirixente Ismail Haniyeh quen á vez que condenou a acción norteamericana, loubou a quen denominou “guerreiro santo do Islam”. Sen comentarios.
Por último chámame poderosamente á atención, a dupla vara de medir (mais unha vez) de tantos e tantos columnistas, tertulianos, políticos, etc... que hoxe saúdan con alegría (que eu por suposto comparto) a eliminación dun terrorista baixo un “formidábel operativo norteamericano”, “nunha operación de película”, “de alta precisión” e logo, cando as forzas de seguridade de Israel levan a cabo unha acción semellante contra algún terrorista responsábel como Bin Laden da morte de centos de civiles israelís en salvaxes atentados indiscriminados en Centros Comerciais, Discotecas, Universidades, Kibbutzs, autobuses escolares…entón a acción, que cando fora executada por operativos norteamericanos foi “unha gran acción de intelixencia e militar” pasa a ser denominada como “terrorismo de estado”. Cousas veredes Don Sancho.