16/03/11

Unha equivocación


Por Afonso Vázquez-Monxardín
.
Di o xogo de palabras que ten boca se equivoca. Pola moi fina falariamos en latin e diriamos lapsus linguae. Pero tamén existe o lapsus cálami que era como os romanos lle chamaban ao que se equivocaba ao escribir con aquel paleolapis que viña sendo o cálamo ou cana. Pero estes lapsus, uns e outros, desculpan ao que se engana e en vez de nomear ao barrio do “Couto” di ou escribe “coito”, pero non é atenuante para o que ignora unha cousa, como a data da Marcha Verde, do descubrimento de América, ou da chegada do home á lúa.
.
Tamén pode ser que un se equivoque, sobre todo se fala moito ou escribe moito sen cometer ningún erro de dicción ou errata, porque se engane no rexistro adecuado e as ideas queden confusas ou porque o enfoque mal e mesture no seu discurso allos con cebolas. Estas cousas acontecen polas propias limitacións dun comunicador que trata de buscar un xeito sempre orixinal e distinto a outros para afirmar a súa personalidade na escrita, porque as circunstancias do que quere comunicar sexan tan duras ou espeluznates que o confundan na forma de encarar a forma e fondo adecuado para transmitir o que quere dicir, ou polas súas cousas xuntas.
.
Pois o martes pasado equivoqueime de cabo a rabo creo que por esa última combinación de ambos factores. Tan abraiado quedei coa noticia do asasinato especialmente cruel, inhumano, diabólico, da familia Fogel no seu asentamento de Itamar, que me enganei na forma de cómo afrontalo. Pido desculpas a quen deducira das miñas erradas palabras a intención de frivolizar ou sacar ferro a un tema tan horroroso ou quen pensara, peor aínda, que trataba de xustificar o inhumano e abominable.
.
Lido de novo o artigo con calma e teño que dicir que tampouco me gustou a min, que me pareceu confuso, e que as críticas recibidas, públicas e privadas, me axudaron a velo con perspectiva distinta. Desde logo non era o momento de falar de demografía, nin doutras cousas que alí mencionaba.
.
A miña intención simple era dar publicidade á dor que moitos sentimos ante un feito terrible: a inimaxinable carnicería na que un grupo masacra unha pacífica familia mentres dorme, incluídos bebés e nenos de curta idade, o que o fai especialmente diabólico, e tamén, ao incrible silencio ou malinterpretación interesada dos feitos en boa parte da prensa occidental, incluída a BBC a que eu, tamén equivocadamente puña como exemplo de imparcialidade. Desculpas a todos os amigos da verdade. Desculpas a todos os amigos de Israel. Que a terra sexa leve á familia Fogel, á familia de Rachel Shevo, asasinada tamén en Itamar en 2002 e a todos os colonos mortos en iguais circunstancias. Deixo unha pedriña de palabras sobre as súas tumbas como recoñecemento eterno. Shalom.