Dende o 24 de xaneiro e ate o 24 de Febreiro, a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) tivo exposta na Biblioteca Nodal de Lugo a mostra fotográfica “Memoria do Holocausto” cunha serie de imaxes sobre os infaustos acontecementos de antes e durante a II Guerra Mundial. A mostra completouse, grazas aos responsables da biblioteca, con libros e vídeos sobre a mesma época e cun listado de galegos falecidos no campo nazi de Mauthausen.
Dende estas páxinas queremos dar as grazas a todos aqueles cidadáns que se achegaron ate a exposición así como aos medios de comunicación pola cobertura que deron á mesma e ás proxeccións de documentais que celebramos o 26 de xaneiro, o 14 de febreiro e o coloquio do día previo á clausura.
Agardamos que esta actividade, a primeira da AGAI na provincia de Lugo, fora do agrado dos visitantes pero, sobre todo, que cumprira co seu obxectivo de impedir que caia no esquecemento o acontecido naquela terrible época, unha das máis escuras na historia da humanidade.
Congratúlanos tamén de que a exposición se levase a cabo con normalidade e pedimos desculpas por se houbera algún fallo ou algún aspecto mellorable, algo que poden indicarnos na nosa páxina web.
Tras esta boa experiencia inicial, seguiremos traballando para que o Holocausto non se esqueza e non se repita e para desmontar os moitos mitos e prexuicios antisemitas que aínda perviven na nosa sociedade.
AGAI-Lugo
Publicado no xornal El progreso de Lugo - 05.03.2011