21/01/11

Proxección en Lugo "El convoy de los 927"


Con motivo do Día Internacional de Recordo das Vítimas da Shoáh, terá lugar en Lugo a proxección do documental "El convoy de los 927" de Montse Armengou.
.
O vindeiro mércores 26 de xaneiro ás 19:00 horas no salón de actos da Biblioteca Nodal de Lugo
.
Entrada Libre
.
"El convoy de los 927"
Un documental de Montse Armengou.
O 24 de agosto de 1940 un tren con 927 refuxiados españois saía da estación de Angouleme, na rexión francesa da Charente. As tropas alemás de Hitler acababan de dividir Francia en dúas, e os refuxiados crían que os levaban á zona non ocupada. Pero pronto se deron de conta de que ían cara ao norte. Catro días máis tarde, chegaron ao pobo de Mauthausen. Non lles soaba de nada o nome dun campo de concentración que, nuns anos, sería un dos símbolos do holocausto e o exterminio. Naquel lugar produciuse unha dramática separación: os nazis obrigaron a apearse aos homes, a partir dos 13 anos de idade, sen importa que se tratase de anciáns ou nenos. Era o inicio da traxedia. 470 persoas quedaron prisioneiras no campo de Mauthausen. Destas, o 87 por cento morreron. Os 457 restantes, mulleres e nenos pequenos, iniciaron un longo percorrido de volta. á desesperación de ver como os homes foran arrincados dos seus brazos engadíase a incerteza de non coñecer o seu destino final. A parada nun campo de concentración feminino- que podería ser Ravensbrück- facía temer o peor. Finalmente, e despois de 18 días de viaxe en condicións infames, as mulleres e os nenos foron devoltos á España de Franco, o lugar do que fuxiran ao acabar a Guerra Civil. Alí espéralles prisión, persecución e a angustia de non poder saber dos seus familiares deixados en Mauthausen. Os españois foron os primeiros en chegar ao campo de concentración. De feito podería dicirse que eles o construíron. E tamén foron os primeiros de sufrir as consecuencias da ira dos nazis: nun momento en que nin os xudeus nin os rusos chegaran aínda para ser obxecto da súa tolemia exterminadora. Pero os que sobreviviron non calaron. Os máis novos deste convoi formarían parte do comando dos "Poschacer"; pezas crave para sacar ao exterior os clichés e fotografías de Francesc Boix, que foron achegadas como probas fundamentais das crueldades dos nazis no xuízo de Nuremberg. Este convoi foi o primeiro tren de deportados de toda Europa occidental, cargado con familias enteiras con destinación a un campo de exterminio nazi. Poboación civil, refuxiados en estado puro, que serían considerados "apátridas" cando o ministro de Franco, Ramon Serrano Suñer decidiu desatenderse deles. A documentación atopada proba que, en catro ocasións, as autoridades nazis preguntaron aos seus homólogos españois que debían facer cos "dous mil españois de Angouleme". Non se molestaron nunca en contestar, a pesar que sabían que a metade dos pasaxeiros foron a parar a Mauthausen. Algúns documentos teñen unha nota manuscrita á marxe na que se pide que se arquive o asunto, "posto que non parece oportuno facer nada respecto diso". A historia deste convoi quedou escondida baixo o esquecemento e o silencio durante décadas. Os poucos que se salvaron, non puideron volver á España de Franco ou o tiveron que facer calando. Talvez neste silencio e neste esquecemento podemos atopar unha explicación nos brotes neonazi e fascistas cada día máis frecuentes. Se cadra, o feito que non haxa ningún monumento en homenaxe a estes españois teríanos que facer temer que se cumpra aquilo que di que quen non coñece a súa historia, corre o risco de repetila. O documental recompilou as testemuñas dunha trintena de sobreviventes do convoi, tanto dos que terminaron en Mauthausen, como dos que volveron a España, así como de refuxiados en Angouleme que se salvaron de subir ao tren. A rodaxe fíxose en Francia, Austria e España e consultáronse unha vintena de arquivos españois, europeos e norteamericanos.
Testemuños
Jesús Tello
Cando che encerraban no vagón do tren, xa perdías a túa personalidade, xa non eras un ser humano. Xa facían de ti o que lles daba a gana, xa non tiñas nome, eras xa un número tatuado.
Luisa Ramos
Os franceses sabían onde nos levaban. eles eran responsables de nós desde o momento que nos acolleron no seu país e deixaron que se nos levasen como animais. ¡Por Deus bendito! ¡Que había moitos nenos!. No tren iamos amoreados como bestas. Metéronnos nese vagón e non podiamos saír nin para facer as nosas necesidades.
Felix Quesada
Ao chegar a Mauthausen, Frank Ziereis, o director do campo, díxonos a todos os que estabamos alí que non sairiamos pola porta, que sairiamos pola cheminea do crematorio.
Joaquina Valcells
Cando o tren se pon en marcha outra vez, abandonando aos homes en Mauthausen, o clamor que hai de prantos e berros é unha cousa que non se pode describir. Cada vez que o lembro, ainda tremo.
Ramiro Santiesteban
A canteira onde traballabamos estaba nun buraco. Había un despeñadeiro que debía facer máis de 50 metros de alto. Os SS despeñaban presos vivos por aí. Cando un dorme nunha barraca, como eu durmín, enfronte do crematorio, e durante toda a noite ves saír as chamas pola cheminea, a moral está moi baixa.
José Alcubierre
Sabe vostede o que é deitarse cun compañeiro, estar a falar con el: "Ai, estou canso, tal e tal", e ao día seguinte dicirlle: "Veña esperta!" e atopalo morto?
Pablo Escribano
Non necesitamos monumentos por todos sitios, pero si un recoñecemento polo noso sufrimento. E iso non se fixo aínda