21/01/11

Lembrar a Shoá

Amin Al-Husseini e Hitler en Berlín


.
Por Júlio Béjar
.
O médico vigués Eduardo Martínez Alonso ideou e coordinou, entre os anos 1940 e 1944, unha ruta de saída cara Portugal da que se beneficiaron milleiros de xudeus e refuxiados na sua foxida da Gestapo e das SS nazis.
.
Mentres, outra personaxe daqueis anos, o pai do nacionalismo palestiniano Amin al-Husseini, foi un admirador confeso e servil aliado de Hitler. Para alén de instalarse en Berlín durante a 2ª Guerra Mundial brindando apoio directo ao exército nazi, predicou o exterminio dos xudeus e, ben antes de Auschwitz ou Buchenwald, propugnou a construcción de campos de exterminio para estes no Oriente Meio. As desgrazas que os árabes palestinianos teñen sofrido nos últimos 60 anos, de facto, derivan en grande medida da pretensión deste tipo de dirixentes de edificar as suas aspiracións nacionais sobre o xenocidio doutro povo. Abrazando o culto da morte, homenaxeando a asasinos de crianzas, e proclamando santos e mártires a vulgares criminais. Iso non se soe lembrar.
.
Polo contrario, o novo antisemitismo, disfarzado de pacífico proislamismo e relativismo multicultural, quere que os xudeus sexan cúmplizes da sua própria desaparición; unha versión nova e perfeizoada dos sonderkommandos. Queren que se encamiñen ao matadeiro sen nen sequer ter direito a protestar. Que o valado defensivo e os checkpoints sexan abolidos e o intolerábel exército xudeu desmantelado. Queren que forzas internacionais supervisem metodicamente o desmantelamento e destrucción de Israel, e que a nación dos hebreus sexa reemprazada por unha sorte de Estado yihadista musulmano. Velaí a sua receita para a solución do conflito. Para a sua definitiva Solución Final.
.
En Yad Vashem, entidade israelita que comemora permanentemente a Shoá, constan máis de 21.000 nomes de persoas e institucións que axudaran aos xudeus. Cabe suspeitar que o número sexa muitísimo maior. O nome do Doutor Eduardo Martínez Alonso provabelmente mereza figurar alí. Con motivo da comemoración o próximo 27 de Xaneiro do Día Internacional da lembranza do Holocausto, a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) reclama que, cando menos, o Concello de Vigo honre a sua memoria adicándolle a placa dunha rua a este cidadán exemplar. Asístelles toda a xustiza e a razón.
.
La Voz de Galicia - 21.01.2011