04/09/10

Pablo Veiga desde Israel (I)

Pablo Veiga a carón do busto de David Ben Gurión


As miñas primeiras horas en Israel.
Por Pablo Veiga. Socio de AGAI

Xa van dous días completos na cidade de Tel Aviv. Sol e calor, moita calor. Tivemos a ocasión para realizar un percorrido nun bus turístico. Comprobei que se trata dunha urbe moderna, moi do estilo de calquera do mediterráneo español de poboación similar. Deime un baño nas súas praias, enormes, ben preparadas e coa temperatura da auga moi superior á que sufrimos este verán no atlántico galego. Moita viveza e ambiente nas súas rúas. Moita xente nova.

Tamén utilicei o pateo, máis cansino pero camiñando ó lado da xente tense unha perspectiva máis achegada que desde a altura dun autobús. Atopeime con algunha persoa que falaba español. En concreto, un par de arxentinos e un uruguaio. Algún deles con catro décadas vivindo en Israel. Lamentábanse de seren os xudeos un pobo incomprendido e inxustamente tratado. Non entendían como podía ter o seu país, onde vivían na actualidade, tan mala imaxe. Laíabanse dese sentimento que os facía ser os malos no confito cos palestinos. Por iso se sorprendían que un galego escollera como destino de viaxe a Israel e lles amosase a súa amizade e solidariedade. Custáballes crelo, sinceramente. E por suposto, loubaban a Israel como nación.

As miñas primeiras horas en Tel Aviv servíronme para visitar o edificio onde se declarou a independencia de Israel. Alí estiven eu, tirando fotos, sentado nas mesmas cadeiras de madeira que aquelas persoas con David Ben Gurion ó fronte, o catorce de maio de 1.948 celebraron a histórica sesión.

Un lugar sobrio e humilde. Era significativo do que lle agardaba ó novo estado. Esforzo colectivo, sufrimento e traballo para acoller a centos de miles de xudeos que emigrarían de volta desde os máis diversos lugares, algúns sobrevivintes da maior matanza humana de tódolos tempos como foi o holocausto, a unha terra hostil. Aquela sala, de apenas cen metros cadrados, foi o xérmolo dunha idea que hoxe, sesenta e dous anos máis tarde, segue sendo unha realidade, a pesares de tódolos pesares. Unha democracia exemplar rodeada de inimigos. Un estado, unha nación, un país, un pobo que nos debería servir de exemplo en moitos aspectos