10/07/10

O primeiro número


Por Pablo Veiga *

Tres anos despois da súa fundación, AGAI lanza unha publicación oficial. Parabéns ós membros da xunta directiva e por engadidura, a tódolos asociados que só polo mero feito de selo merecemos un recoñecemento. E nós mesmos nolo debemos dar. Non é moi doado defender as nosas posturas fronte un pensamento único e predeterminado. E a casualidade quixo que novamente saíse á palestra un novo incidente como foi o asalto á chamada flotilla humanitaria. Unha revista que por ser a primeira xa resulta importante. Pero todo é atractivo nela. Comezamos polo deseño, a textura do papel, as cores. En segundo lugar, o título, De Compostela a Ierushalaim. O nome de dúas cidades míticas, cargadas de historia e de significado. Dúas capitais, a primeira , a do noso país. A asociación é galega, o seu xermolo está aquí. Homes e mulleres de moi diversos ámbitos e espectros. A revista é en lingua galega, maioritariamente. E a segunda, a capital dun estado que só por existir vese na obriga de defenderse daqueles que buscan precisamente o contrario, é dicir, a súa aniquilación. Un país, Israel, polo que sentimos amizade os membros de AGAI e que admiramos por moi diversas razóns, xa de todos coñecidas.

E por suposto, os artigos deste número. A súa calidade está fora de toda dúbida. O listón queda moi elevado para vindeiras publicacións. Non sabería con cal quedarme no caso de escoller un. Todos eles merecen unha cumprida e detida lectura. Mais a pesares da dificultade de destacar algún, permítanme que o faga co do escritor Marcus Aguinis, Imaginemos el Medio Oriente sin Israel. Magnífica a disertación sobre unha hipotética inexistencia –o que moitos anhelan sen rubor- de Israel. Lino varias veces e prometo seguilo facendo. Nel aparecen argumentos contundentes que nos valen para xustificar que este estado siga existindo. Porque razóns de peso son, como moi ben remarca o escritor arxentino, que o nacemento de Israel como país deriva no nacemento do Estado de Palestina, mais a negativa absoluta dos gobernos árabes, que sen ambigüidades desexaban botar os xudeus ó mar, abortou esa posibilidade. De non constituírse o Estado de Israel, descoñeceríamos os Kibbutzs, modelo de produción agraria que se debería estudar a súa implantación noutras áreas xeográficas, incluída Galicia. Talvez moitos dos adiantos tecnolóxicos dos que nos beneficiamos non se terían producido. Habería que preguntarse se eminentes premios nóbel en distintas especialidades, desde as ciencias ata as letras, terían sido unha realidade. A presenza de universidades de prestixio universal. A recuperación dun idioma adormecido e utilizado só nos cultos. E contemplaríamos todo o Oriente Medio sen un só país democrático, onde se celebran eleccións libres, existe o multipartidismo e as persoas están amparadas polo estado de dereito. Israel, un país onde as súas leis non discriminan ás mulleres e onde as persoas homosexuais son toleradas e os seus dereitos recoñecidos, algo inédito nas sociedades veciñas.

Un artigo este de Marcus Aguinis que eu me permito recomendar a todos aqueles anti israelís, que non son capaces de sacar a venda dos ollos, de ter altura de miras, de non contemplar nin siquera matices no chocante ó conflito palestino. Nel aparecen as razóns polas que os socios e socias de AGAI estamos aí e seguiremos estando, a pesares de todo, defendendo o dereito de Israel a existir e combatendo o anti semitismo e a banalización do holocausto, con dúbidas a veces, con dificultades, pero coa convicción de que estamos na liña correcta.

En definitiva, primeiro número. De Compostela a Ierushalaim veu a luz. Virán novas publicacións e seguro de gran nivel. E a Asociación Galega de Amizade con Israel seguirá medrando e consolidándose.

* Pablo Veiga é socio de AGAI en Lugo