15/06/10

Cando a defensa de Israel se converte nun estilo de vida



Por Pablo Veiga*
.
“Sorpréndeme en ti. Non o esperaba. Non o entendo. Laváronche o cerebro. Que mistura tan rara tes aí nos miolos. Pero ti.”
.
Estas frases son as que adoito escoitar cando entro en debate coa postura pro-israelí, rodeado de pensadores e opinadores cunha idea preconcebida xa de antemán, que non é outra na cal uns son os opresores que asoballan ós indefensos. E persoas nas que polo xeral se encadran nas ideas progresistas, galeguistas, feministas, laicas e similares. Raro lles parece. E aínda máis estraño me parece a min que estas mesmas persoas relativicen e desculpen a precariedade dos dereitos humanos, a falta de liberdade, a discriminación da muller, a persecución a homosexuais ou a intolerancia relixiosa que adoita darse nas nacións onde o islán é maioritario. Que casualidade, ese país que demonizan resulta que pode presumir do que os do arredor carecen. Un estado de dereito. Mais iso non é suficiente. Os mesmos argumentos de sempre que non fai falla repetir. Mitos fronte a realidades. Aínda que todo é discutible e aquí a verdade absoluta non a ten ninguén, afortunadamente.
Son socio de AGAI desde hai dous anos. Recoñezo que me chamou a atención que algúns dos precursores foras dirixintes ou cargos electos nacionalistas que, por esa simpatía cara Israel ou ben foron perseguidos na súa organización ou ben a deixaron eles mesmos. Descubrín como nesta entidade había persoas de diversas ideoloxías, de distintos ámbitos, en definitiva, un grupo do máis heteroxéneo. Tiven ocasión de manter conversas con algúns dos compañeiros, ademais de seguir o foro. Constato a preparación e o nivel destes homes e mulleres, cos que me une o compartir eses obxectivos principais que se marca AGAI e que non fai falla repetir. Tamén afirmo que con algunhas das persoas socias poda ser que a simpatía co pobo xudeo e a defensa de Israel sexan as únicas coincidencias que compartamos.
.
Ven a conto esta última afirmación a que na vida de cada un, ó longo da súa traxectoria, existen outras moitas referencias, a nivel persoal e colectivo. No espectro profesional e laboral, as amizades, familiares, nas entidades asociativas nas que se participa de forma máis ou menos activa, así como en diferentes foros, a miña postura en contra do pensamento único cando se trata de Israel e o seu conflito co pobo palestino non goza precisamente de moitas simpatías, mais ben todo o contrario. Un xa está afeito a enfrontarse en solitario contra linguas viperinas co discurso de sempre, onde o “anti” está presente en todo momento, e coa cualificación de malos e bos asignada a cada bando. Apenas hai marxe para a dúbida. No meu favor sinalar que os coñecementos e documentación do persoal deixa moito que desexar. Argumentos repetitivos e con escasa consistencia, polo xeral. De tódolos xeitos, a miña xa coñecida postura a favor de Israel e do pobo xudeu nos círculos nos que me movo non é para min un estilo de vida, nin fago desa forma de pensar a miña razón de ser. Con esas persoas coas que discuto vehementemente sobre este tema, teño moitos outros puntos en común que me unen a eles. Incluso nalgunhas ocasións xa temos un pacto de non agresión. Certo tema, procúrase obviar, aínda que adoita ser o que subscribe quen acenda a mecha. Xente que me respecta e me aprecia. Insisto, moitos máis aspectos que nos unen, polo cal, eu síntome acompañado e cómodo na súa presenza.
.
Pertencer a unha sociedade de amizade con Israel, non ten que significar defender a morte todo aquilo que desde o seu goberno de turno –escollido democraticamente, en eleccións populares, o que non acontece arredor- se leve a cabo, sobre todo o relacionado co conflito palestino. A veces, costa defender certas actuacións. E a acontecida recentemente coa flota humanitaria turca é un exemplo. Probablemente nos vemos na obriga polo mero feito de ser socios de Agai, pero tampouco significaría retroceder nin un só paso porque algunhas formas do estado israelí non nos gusten. Iso non nos vai converter en anti semitas, nin moito menos.
.
En definitiva, que o mundo non empeza nin acaba na loita que levamos a cabo pacificamente a prol de Israel e do pobo xudeu. É un aspecto importante, por suposto que ademais nos costa algún que outro desgusto e enfrontamento, sempre en clara desvantaxe, mais nosoutros cremos que a forza da razón está da nosa parte. A pesares de tódolos pesares e de tódalas dificultades e contradicións, avogo por seguir pertencendo á Asociación Galega de Amizade con Israel, e oxalá continúe durante moito tempo.

* Pablo Veiga é socio de AGAI en Lugo