03/04/10

Xornada sobre o comercio entre Galicia e Israel








Xornada organizada polo Igape que se desenvolverá o próximo 14 de abril en Santiago de Compostela. O encontro incluirá presentacións xerais sobre Israel e paneis sectoriais especializados sobre tecnoloxías limpas, as TIC, a biotecnoloxía e a tecnoloxía agrícola. Os empresarios galegos participantes poderán concertar entrevistas individuais cos relatores e expertos israelís.

Facilitar a cooperación, as alianzas empresariais e a transferencia de coñecemento entre Galicia e Israel é o obxectivo que se propón a Consellaría de Economía e Industria mediante a organización, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dun encontro bilateral que se desenvolverá o próximo día 14 de abril en Santiago de Compostela, no Hotel Porta do Camiño.

Participarán nesta xornada, que comezará cunha presentación xeral sobre Israel, entidades e empresas israelís que destacan polo seu alto nivel tecnolóxico e de innovación. Na presentación institucional intervirán os presidentes da Cámara de Comercio España-Israel, Gil Gidron, e da Cámara de Comercio Galicia-Israel, Francisco Linares así como a agregada comercial da Embaixada de Israel en España, Ifat Alon.

Durante o encontro desenvolveranse catro paneis simultáneos arredor das seguintes materias: tecnoloxías limpas, incluíndo enerxías renovables, tecnoloxía da auga e control medioambiental; tecnoloxías da informacións e das comunicacións (TIC); tecnoloxía agrícola; e biotecnoloxía.

Mediante estes paneis sectoriais preténdese crear espazos interactivos a través de audiencias especificas con potencial de colaboración e intercambio empresarial. Con ese fin, o Igape ofrecerá ás empresas interesadas que o soliciten previamente, no momento da inscrición, a correspondente cita para poder celebrar, durante a sesión de tarde, entrevistas individuais cos relatores e expertos participantes. As inscricións deben realizarse a través da web do Igape (www.xornadas.igape.es).