14/12/09

3º Aniversario de AGAI


















Onte en Compostela, cidade onde un primeiro de Decembro de 2006 naceu AGAI, tivo lugar un Encontro con posterior Xantar de Confraternidade, no que participaron socios e socias chegados de toda Galicia. Previamente ao lúdico xantar de amizade, tivo lugar un interesantísimo, útil e produtivo Encontro-Coloquio coa presenza de Lior Haiat, portavoz da Embaixada de Israel en España e desde xa, amigo de AGAI.
.
No transcurso do acto deuse lectura a varias cartas e correos recibidos de socios de AGAI que por mor de residir lonxe ou moi lonxe de Galicia, en Austria, en Arxentina, en Estados Unidos, en Israel, en Bélxica, en Catalunya ou Madrid, non puideron estar presentes en persoa mais si estivérono no recordo e no aplauso pechado con que foron recibidas todas ás súas mensaxes de amizade desde a distancia. Distancia física que desde logo non distancia emocional.
.
Tres anos tres. Tres chanzos camiñados xa, na procura e na loita do imperio do sentido común e da razón, fronte á xudeofóbia, antisemita e irracionalmente anti israelí (sob o disfraz sempre politicamente correcto do antisionismo). E no traballo, desde a modestia pero constante, de dar cumprimento aos seis puntos fundacionais que guian a nosa Asociación Galega de Amizade con Israel:
.
1) Denunciar e traballar contra a perversa banalización do Holocausto
2) Achegar á sociedade galega información alternativa ao empobrecedor “pensamento” único que domina os medios de comunicación ao respecto do conflito árabe-israelí
3) Crear foros de reflexión, opinión e debate, tanto nos circuitos culturais galegos como na rede de internet para tentar neutralizar e contrarrestar a constante e inxustificábel demonización de Israel e combater argumentalmente a xudeofobia reinante
4) Animar a todos e todas os demócratas con ideas semellantes ás defendidas por esta Asociación para que fagan pública á súa militancia a prol da lexítima causa de Israel, porque ese sempre foi o seu dereito e na actualidade comeza a ser o seu deber.
5) Espallar o inmenso legado ético e cultural do pobo xudeo polo que todo Occidente segue en débeda con eles
6) Rehabilitar e recuperar a pegada histórica do pobo xudeo no noso país para que ocupe o lugar que lle corresponde na nosa memoria histórica e na sociedade galega actual