30/09/09

A incrible normalidade no medio do conflito


Por Ana Jerozolimski
Jerusalem
.
A vida diaria en Israel, no relacionado á coexistencia entre xudeus e árabes, ten unha normalidade que resultará incrible a calquera observador chegado de fóra e coñecedor da realidade unicamente en base aos titulares da prensa mundial. Veño de estar no centro comercial máis grande de Jerusalem, o Kenion Malja. Como adoita suceder, había alí moito movemento. Pero o máis evidente foi a presenza de gran cantidade de árabes. Aínda que non soubésemos que os musulmáns festexan estes días Ide Al-Fiter-a celebración que pon fin ao mes sacro do Ramadan-, as escenas no centro comercial de Malja lembraríannolo.
.
Familias enteiras con nenos de todas as idades, comprando, paseando e sentados nos restaurantes e cafés do lugar. Grandes grupos de rapazas e raparigos -cada un chegou cos seus amigos- desfrutando das súas vacacións polo día festivo. Catro mozas corrían divertidas -dúas delas coa cabeza cuberta e outras dúas de aspecto máis secular- , falando a viva voz, en árabe, do terceiro piso cara ao segundo- por unha especie de balcón aberto que permite o contacto- ao descubrir, felices, a outras compañeiras que baixaran. Evidentemente, sabían que non tiñan o que temer. Cabe supor que así como a moitos clientes xudeus no lugar non lles facía graza ver "tantos árabes", a eles, aos árabes, non lles entusiasma ir ao "centro comercial dos xudeus". é natural.... polo medio, lembremos, hai receo e conflito.
Pero o feito é que aos primeiros non se lles ocorre facer nada para que os árabes non veñan e aos árabes non lles molesta vir. E ninguén leva á súa familia, aos seus fillos, o máis querido que ten, a un lugar onde cre que pode correr perigo. Nas distintas entradas ao centro comercial en cada unha das cales hai un garda, cada un pasaba, coma sempre, colocando a súa carteira ou calquera vulto que leve, para que sexa revisado, mentres que o detector de metais era o único encargado de "chiflar" se algo estaba mal. Soaba cando pasaba un xudeu que se esqueceu de sacar as chaves do peto ou cando un árabe pasaba co móbil na man. Ambos soaban por igual. A ninguén revisaban de xeito diferente. E así debe ser.
.
Cando a nosa querida amiga e colega, a coñecida escritora e xornalista Branca Rodríguez de Canle 10 (de Uruguai) visitou Israel en novembro do 2007, comentou que lle impactara a naturalidade coa que xudeus e árabes pasaban un á beira do outro en Jerusalem, coma se non houbese conflito polo medio. Claro, o conflito non desaparece porque os árabes aproveiten dun intre de lecer en Ide-Al-Fiter para ir a Malja. Pero sería bo que moitos hipercríticos de Israel fixeran o esforzo de ver esta parte da realidade de todos os días.... tan normal no Estado de Israel.