15/08/09

Comunicado de AGAI no 15 aniversario do atentado contra a AMIA



COMUNICADO

A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), no seu papel de portavoz da solidariedade do pobo galego co xudeu, quere, con motivo do decimo quinto aniversario do ignominoso atentado contra a sede da Asociación Mutual Israelita Arxentina, institución mutual irmá do noso gran Centro Galego de Buenos Aires, quere facer público este comunicado de solidariedade.

Como pobo de emigración e diáspora, como pobo apegado aos máis puros sentimentos de humanidade, recibimos como no noso corazón a profunda ferida dos atentados contra a Embaixada israelí de Buenos Aires de 17 de marzo de 1992 e contra a AMIA de 18 de xullo de 1994 que produciron eses máis de cen mortos e centenares de feridos que hoxe lembramos e polos que incansablemente pedimos e pediremos xustiza concretada no castigo aos culpables. Desde a impunidade ou o esquecemento non se pode construír a paz que todos anhelamos.

A amizade Xudeo-galaica contemporánea fraguouse fundamentalmente nestas terras austrais, en Buenos Aires, co impulso certeiro dun galego universal: o artista Luís Seoane. Os seus murais e os seus vitrales en varias sociedades hebraicas, a súa relación constante con esta colectividade irmá, sen dúbida serán destacadas nas celebracións que contorna á súa persoa se celebrán o próximo ano 2010, ano centenario do seu nacemento. Esperamos, desde a máxima proximidade humana e dor que sentimos neste momento de recordo, que estes actos sexan aproveitados como catalizador do impulso solidario entre o pobo israelí e o pobo galego, alá onde se atopen.

Galicia, 14 de agosto de 2009