Por Manuel Molares do Val
Galicia-Hoxe 22.04.09
Foi un xesto de dignidade: os países da UE, incluído España, levantáronse con outras democracias e abandonaron a Conferencia da ONU sobre racismo en Xenebra cando oíron o presidente iraniano, Mahmud Ahmadineyad, un fanático mesiánico, sanguinario feminicida e colgagais, tachar a Israel de racista.
Calquera demócrata podería discutir se Israel é racista, recordando que ten sete millóns de habitantes, un millón árabes con deputados, ós que queren exterminar os Mahmud Ahmadineyad que o rodean e acosan. Os israelís existen aínda porque desde 1949 lles gañaron todas as guerras ós seus atacantes. Se perdesen só unha exterminaríanos noutro Holocausto. Pénsese en que lles farían os que masacran os seus propios pobos coa Sharía como lei.
Os demócratas e os israelís poden discutir sobre democracias, pero os tiranos que lapidan mulleres, aforcan homosexuais e casan nenas de oito anos para que as violen anciáns ricos non teñen dereito ningún.
Os demócratas foron os que illaron a Suráfrica racista ata o triunfo definitivo de Nelson Mandela, non os países veciños, nin sequera os musulmáns ou os dirixidos pola URSS ou China. Mentres marchaban os representantes comunitarios, os embaixadores das tiranías islámicas ou do gochismo bolivariano do estilo Chávez, aplaudían o presidente iraniano con entusiasmo.
Esa actitude permitiu ratificar novamente que aínda que a ONU trate de crear unha doutrina internacional equilibrada, as ditaduras que empobrecen e matan os seus propios pobos impoñen as súas conclusións, porque numericamente son maioría.
O que demostra a distancia que separa o mundo civilizado do da barbarie autocrática. Non, non necesitamos unha alianza de civilizacións, senón unha alianza de países civilizados que lles dea costas ós Ahmadineyad, e que abrace os que aspiren a ascender cara á democracia.