11/01/09

Non ao pensamento único en Gaza


Por Miguel A.Boó

Ninguén pode defender a Israel baseándose no que lemos e vemos. Os que o facemos, contrastamos a propaganda que nos chega ou viaxamos alí. Así desenmascaramos as burdas mentiras de “Paliwood” e o seu culto á morte. Quen queira fuxir do pensamento único que padecemos, chegará a saber que Hamás é responsable do drama de Gaza, e que sacrifica á súa propia xente só para rendibilizar o seu sangue. Calquera pode saber que os israelis telefonaron 100.000 veces antes de atacar, e ata a cidadá española María Velasco, que o confirmou, dixo na CNN que estaba atrapada en Gaza porque a “resistencia” empezou a disparar misís contra Israel cando se enterou que os estranxeiros saían da Faixa, evitando así a fuxida deses valiosos escudos humáns. Contou que tiña víveres, luz, internet… Calquera pode saber tamén que en vinte anos Europa deulle a Palestina máis cartos co plan Marshall a toda Europa, trala II Guerra Mundial, e que con parte desa esmola o Hamás puido guindar 6.000 foguetes sobre Israel dende a retirada dos xudeos de Gaza en 2005. Calquera pode saber que Hamás non representa a causa palestina da bandeira cuatricor. Estes días, na televisión, nas fotos, nos cadaleitos, as bandeiras eran as verdes da teocracia. Calquera pode comprobar, en fin, que os medios enferman cando hai xudeos polo medio. Lembro que case ningún dos analistas que satanizan a Israel dixo pío cando a OTAN matou 2.500 civís serbios en 38.000 misións realizadas con 1.000 avións, emprego de milleiros de bombas racimo e de 15 Tm.de uranio empobrecido. Agora ven xenocidio e desproporción. Da noxo.