31/01/09

De interese: Nota das IDF sobre a morte de Saláh Shehadeh

Pola súa actualidade e interese reproducimos de seguido o comunicado oficial emitido polas IDF-Forzas de Defensa de Israel, en Agosto de 2002 en relación coa morte do lider de Hamás, Salah Shehadeh.

Xerusalém, 2 de agosto de 2002
Resultados da investigación pola morte de Salah Shehadeh (Comunicados polo porta-voz das IDF)

A investigación pola acción das IDF (Forzas da Defensa de Israel) na cal foi morto no dia 22 de xullo Salah Shahadeh , cabeza do brazo militar de Hamas en Gaza, concluiu esta tarde.
Unha moi rigorosa investigación foi levada a cabo coordenadamente polas IDF e pola ISA (Axencia Israelita de Seguridade), e os seus achados foron enviados hoxe ao Ministerio da Defensa.
Salah Shehadeh, dirixente do brazo terrorista que operou na Faixa de Gaza e en Cisxordania, facía parte dos membros fundadores de Hamas e era directamente responsábel pola planificación e dirección de ducias de ataques levados a cabo durante os últimos dous anos, nos cais ducias de cidadáns israelitas foron asasinados e centos máis ficaron feridos. Estaba aínda detras do financiamento de laboratorios para produción de míseis Qassam e achábase persoalmente envolvido na compra e fabricación de armas.
Recentemente, Shahadeh participou na planificación e execución de importantes ataques, incluindo a preparación dun camión con 600 kilogramos de explosivos coa intención de facer estourar a Ponte Gush Katif, ou a infiltración terroristas en Israel co fin de levar a cabo un ataque masivo en lugares concorridos de Beer Sheba, ben como outros ataques con bombas.
Os achados da investigación mostran que os procedimentos seguidos na operación das IDF foron correctos e profesionais, de igual maneira que as estimacións operativas.
A operación tivo como resultado a eliminación dun proeminente líder terrorista, que tiña sido procurado desde había tempos por medios operativos e de intelixencia. Ao mesmo tempo, a investigación achou defeitos na información disponíbel e a avaliación de tal información, no relativo á presenza de civís inocentes perto de Shahadeh, quen se encontraba daquela oculto nun refuxio operativo.
As IDF e a ISA afirmaron que se a súa información tivese indicado con certeza a presenza de civís inocentes na proximidade de Shehadeh, o momento ou método empregado para levar a cabo a acción tería sido alterado, como se fixo numerosas veces no pasado.
Como resultado dos achados da investigación, foron extraídas algunhas conclusións con importantes implicacións para futuras operacións, co fin de evitar a repetición de tal caso no futuro.
A IDF e a ISA continuarán loitando contra o terrorismo e prevendo ataques terroristas contra os israelitas, ao tempo que continuarán a tomar todas as medidas posíbeis para evitar danificar os civís inocentes que se encontraren nas proximidades.