21/01/09

Concentración en Madrid, en apoio a Israel


Unha crónica de Manuel Pérez Millos
.
O pasado domingo, día 18 das correntes, celebrouse en Madrid unha concentración en apoio a Israel e para mostrar unha enérxica repulsa polas continuadas agresións terroristas de Hamas. Ao tempo os asistentes manifestaron a súa rotunda desconformidade co tratamento parcial e en moitas ocasións mentireiro con que os medios en xeral informaron dos recentes acontecementos en Gaza. Non faltaron tampouco airadas mostras de rexeitamento ao que se interpretou como unha pusilánime morneza por parte do Goberno español á hora de xulgar as provocacións dos islamitas. O acto deu comezo ás 12,30 da mañá, e congregou diante da Embaixada de Israel a unhas 5.000 persoas, segundo fontes fiables. Concorreron representacións de Andalucía, Asturias, Castela-León, Catalunya, Galicia, Madrid, Valencia, Ceuta, Melilla, e así como de varios países estranxeiros. Estas delegacións, ou boa parte delas, xuntáronse inicialmente nos locais da Federación de Comunidades Xudías de España, desde onde partiron cara á Embaixada, sita na rúa Velázquez. Unha vez alí, e tras uns breves prolegómenos amenizados con música e en cuxo transcurso a organización impartiu algúns consellos especialmente relacionados coa seguridade dos asistentes, comezou a concentración. A actividade foi moderada e dirixida por Ricardo Ruiz da Serna, que dirixiu unhas palabras facendo fincapé na necesidade de Israel de atender á defensa dos seus cidadáns, e na perseveranza dos grupos terroristas en agredir á Nación xudía.
.
Continuou unha intervención Juan Antonio Ruiz Castillo, parlamentario polo PSOE no Congreso dos Deputados. Esta intervención foi moi recoñecida polos asistentes, quen valoraron a valentía dunha persoa que, en certa medida, a contracorrente, é quen de defender publicamente as súas conviccións e, con toda dignidade, porse ao lado da xustiza. Seguidamente, un mozo de 16 anos, de nome David, deu lectura a un Manifesto redactado para a ocasión. Pechou o evento a participación do Embaixador de Israel en España, quen na súa alocución recalcou a vontade de Israel de alcanzar unha paz sólida con todos os seus veciños, intención que vese permanente frustrada polas agresións de quen non dubida en multiplicar mortos e dor en aras de lograr a aniquilación da nación hebrea. Terminado o acto, os asistentes limparon practicamente todos os desperdicios que lixaban o lugar da concentración, acción que, segundo comentarios recolleitos, non é habitual neste tipo de acontecementos.
.
Non houbo que lamentar incidentes desagradables, salvo as imprecacións dun reducido número de asistentes cando interveu o Deputado do PSOE. No entanto, debe quedar constancia de que tales improperios non ían dirixidos persoalmente ao político, que se granxeó o respecto de todos os presentes, senón ao Presidente do Goberno pola súa actitude condescendente cos belicistas integristas de Hamas; a este respecto, un asistente declarou sentirse decepcionado porque o Primeiro Ministro español "parece estar tan obnubilado, que insiste en facer unha Alianza de Civilizacións...con incivilizados". A piques de disolverse o grupo alí concentrado, fixeron acto de presenza uns encarapuchados portando bandeiras palestinas, que foron escorrentados, tras unha breve carreira, polas forzas da orde. Dispersados os manifestantes, soamente quedou o edificio da Embaixada cos seus cristais rotos polas pedradas dalgúns suxeitos, cunha moi peregrina idea do que é democracia e respecto, que se xuntaron días antes no que chamaron unha manifestación pacífica e na que, segundo testemuñas presenciais, as consignas máis coreadas eran "Morte a Israel" e outras de similar tenor.
Podes ver máis fotos do acto feitas pola delegación galega AQUI