A autodefesa é noso dereito básico
Por Tzipi Livni
Israel retirouse da faixa de Gaza pretendendo crear unha oportunidade para a paz. En resposta, a organización terrorista Hamas asumiu o control da faixa de Gaza e usou os seus cidadáns como escudos, mentres dispara foguetes contra a poboación israelí, obstruindo calquera posibilidade de paz. Os cidadáns israelís viven desde hai anos baixo a ameaza de ataques diarios lanzados desde a faixa de Gaza. Só a semana pasada, centenares de mísiles e morteiros foron disparados contra a poboación civil de Israel, incluíndo o disparo de 80 mísiles un mesmo día. Até agora, Israel vén tendo unha actitude de contención. Mais, neste momento, non nos restou outra opción senón o lanzamento dunha operación militar. Precisamos protexer os nosos cidadáns dos ataques, por medio dunha resposta militar contra a infraestrutura terrorista na faixa de Gaza.
Esa reacción dase no contexto do noso dereito básico á autodefesa. Foron feitas todas as tentativas posíbeis para conquistar a calma, sen ter que apelar para o uso da forza. Acordamos unha tregua coa mediación do Exipto; esa tregua foi violada por Hamas, que leva adiante os seus ataques a Israel, mantén secuestrado a Gilad Shalit no seu poder e reforza constantemente o seu arsenal de armamentos. Hamas é unha organización terrorista, que conta co apoio do Irán e que non representa os intereses nacionais lexítimos da poboación palestina. Os seus obxectivos consisten en promover a axenda do islamismo fundamentalista que procura negar a paz aos pobos da rexión. Lamentabelmente, para facer propaganda política, Hamas abusa cinicamente da súa poboación civil e do seu sufrimento. A responsabilidade polo sufrimento da poboación civil é exclusava responsdabilidade de Hamas.