31/12/08

Vítimas de Israel


Por Manuel Molares do Val

Volvemos ver centenares de mortos palestinos en Gaza, entre eles mulleres e nenos, escudos humanos en bases da organización fanático-relixiosa Hamas, subvencionada por Irán e definida pola UE como terrorista, igual que ETA. Que crueldade, a dos israelís que bombardean menores, din as persoas sensibles. A seguinte idea é que Israel está a provocar un holocausto, como fixeron os nazis cos xudeus. Pero non teñen que ver os mortos dun grupo yihadista en guerra terrorista, que se rodea de nenos e mulleres para provocar esas reaccións entre persoas impresionables, co exterminio planificado de millóns de seres en instalacións construídas para aniquilalos. Porque os ataques de Israel aos centros de operacións de Hamas son defensivos, para non sufrir outro holocausto: os terroristas, impulsados polo presidente iraniano, Mahmud Ahmadinejad, xuraron aniquilar en guerra santa aos sete millóns de israelís, maioritarimente xudeus, pero tamén árabes. O proxecto é a desaparición de Israel.

Por qué sempre hai nenos e mulleres onde caen as bombas lanzadas sobre as bases terroristas? Por qué están entre quen dispararon 1.250 foguetes e granadas só en 2008 contra poboacións civís de Israel? Hai numerosas mulleres repudiadas por polígamos, cargadas de fillos. Sacrifican algún para salvar aos demais. Cobran petrodólares e unha pensión por cada mártir. Hamas, apoderouse de Gaza masacrando ao goberno da Autoridade Nacional Palestina, inspirada por Arafat. Mahmud Abbas denunciou a responsabilidade de Hamas por romper o cesamento do fogo con Israel, bombardeándoo. Hamas odia a Al Fatah e matou nos dous últimos anos a máis palestinos que Israel. Pobres españois se sufrindo un terrorismo yihadista máis masivo e indiscriminado que o etarra non lle esixen ao Goberno que destrúa as súas bases. Aínda que os fanáticos introduzan nelas escudos humanos, que só serían vítimas de quen os puxeron alí.

Galicia-Hoxe 31.12.08