22/12/08

A seducción e o engado do exótico. O deserto do Néguev


Por Xoán Bernárdez Vilar

No segundo día do percorrido polo Néguev, cando nos atopábamos a poucos quilómetros de Eilat, a nosa furgoneta derrapou. Saiu da estrada, e deu seis ou sete voltas sobre si mesma, rebotando nun par de ocasións contra a parede de pedra situada á dereita da estrada. Angustiosa sensación de impotencia a miña, mentres presentía a cada rebolo, a inexorable chegada da Parca. Afortunadamente, coma se nos protexera algún propicio «dxinn» do deserto, e aínda tendo en canta a aparatosidade do accidente e de que fumos repetidamente golpeados por asentos, rodas, maletas e paredes do vehículo, ninguén recibiu máis que uns simples cortes nas pernas e algúns negróns. Mais o transporte quedou inservible, e houbemos de chegar a Eilat facendo auto-stop. Acompañábanme na furgoneta, Shimon, o chofer, Thomas, un rabino húngaro, a súa esposa Esther, e Margaret, unha rapaza inglesa que falaba tamén portugués. Aquela noite, parcialmente recuperados xa do susto e dos hematomas, Thomas e Esther -admirable muller, pendente sempre de axudar aos demáis- creron conveniente brindar por ter saído tan ben librados daquela terrible proba. En realidade era coma se naceramos de novo. Atopábamonos no hotel «Coral Sea» e celebrábamos o sabath ceando á luz das velas. Erguín entón a miña copa, e, póndome en pe, dixen con certa solemnídade: «Le haim», -Pola vida- un vello brinde xudeu. «Le haim», repetiron eles, visiblemente satisfeitos de que tamén eu o coñecese.


Vista de Eilat á noite

*****

Néguev significa «seco» e, á vez, «sur». Este deserto está situado na parte meridional de Israel, e ten unha extensión de 12.200 Km2. «Bismillah ar-Rahmanar-Rahim». «No nome de Deus, Clemente e Misericordioso»: Cando o Todopoderoso creou o mundo, tomou o vento e dixolle: «¡Faite home!» E do vento, por vontade de Deus, naceu o beduino. Despois, colleu unha flecha e fixo o corcel do deserto. Con el poideron estes homes habitar as espidas parameiras e os desolados areais que lles corresponderon no reparto da Terra. Logo, a súa farturenta imaxinacion encheu estes lugares de suntuosos pazos de mármore ou de alabastro, cúpulas douradas, e portas de zafiro, entre regatos murmurantes, árbores de amiscle ou mirra e aves cantoras. A realidade, sen embargo, é ben distinta. Os desertos moi poucas veces resultan ese fascinante mundo de área, oasis e caravanas, con lúas prendidas no ceo ou nas copas das palmeiras. E si xa son escasos os que se axeitan a ese paradigma, o do Néguev menos aínda. Nel os beduinos viven, si, en tendas escuras, entre asnos, camelos e algunhas palmeiras, mais contan tamén con tractores, cisternas portátiles ou antenas de televisión. No Néguev hai novas e industriosas cidades, conduccións de auga, marquesinas de vidro ó longo das súas estradas, e estacións de servizo con aire acondicionado e música ambiental. Morfolóxicamente o Néguev e unha chaira de coor do mel, con outeiros, vermellos, amarelos ou escuros, de pedernal, caliza, creta, dolomita ou granito. Chans empedrados, dunas, pedras esculpidas, rochas lañadas polo vento, e picos, rabuñados todos eles por un labirinto de brancos e retortos «wadis», con pelouros nas súas ribeiras e illados tamarindos e matogueiras no seu interior. Lombas de poo, terrazas, cráteres, caborcos, térras ermas, e un aire seco, aquecidos por un sol continuamente chantado no medio do seu ceo abrancuxado. Asi me foi dado a min contemplalo. Antes da formación do estado de Israel, en 1948, vivian no Néguev menos de 15.000 beduinos nómadas, e uns centos de xudeus, distribuidos en quince «kibbutzim». Hoxe pasan de 20.000 os beduinos, e de 300.000 os israelis, a maioria procedentes do norte de África, que viven da explotación dos singulares recursos deste territorio. Beersheba é o seu núcleo principal. Unha cidade na que viven inmigrantes de máis de setenta países, cunha florecente industria -cerámica, tecidos, alimentación, utillaxe, pequeña metalurxia, pesticidas, etc.- universidade, hospital, escola de medicina, conservatorio de música, escola de danza, e centro orquestal e de arte. En Beersheba están tamén as oficinas da maioria das compañías que exploran a potasa, os fosfatos, o bromo, o magnesio, o sal e a cal, tanto do Néguev coma do

Rúa e Universidade BenGurion de Beersheva

inmediato Mar Morto. Nela celebran ademáis o seu mercado, con todo o seu exotismo e colorido, os beduinos. Isto acontece os xoves. Outras cidades do Néguev son, Arad, Yeroham, Dimona, Mitzpe Ramón ou Eilat. Existen tamén moitisimos «kibutzim» e «moshavim», cooperativas agricola-industriais explotadas por dende unhas ducias a varios centos de persoas, auténticos gromos de futuras cidades. Nas súas explotacións pódense ver, coma unha curiosidade, tractores con aire acondicionado. Amigamente, os nabateos, os constructores da famosa cidade de Petra, utilizando a irrigación por escorrentia, conseguiron fornecer neste deserto todas as súas necesidades. Na actualidade, ademáis de resucitar esta técnica, os israelíes están a aclimatar nel cabras de Chipre e do Kalahari, e avestruces. As primeiras, ademáis de posuír unha dieta máis lixeira, son capaces de beber auga salobre, e a súa producción leiteira é superior á das súas outras conxéneres. Por outra banda os avestruces aportan cincuenta ovos de dous quilos ao ano, e ademáis carne de baixas cabrias, apta para persoas con problemas circulatorios. E experiméntase tamén con árbores de laboratorio capaces de adaptarse á súa cativa humidade: 200 milímetros de precipitación anual en Beersheva, e 50 mm. en Eilat, no sur. A linde oriental do Néguev é o Mar Morto, un dos puntos máis singulares de todo o planeta. Situado na xigantesca falla que vai do Tauro a África Central, este pequeño mar interior, ten a súa superficie a uns 400 metros por debaixo do nivel do Mediterráneo. As súas augas non se poden beber, nin cheirar, son seis veces máis salgadas que as do noso Atlántico, impenetrables para o ollo human, e conteñen cantidades inmensas de bromuro e cloruro de magnesio. Isto trae coma consecuencia que resulte imposible poder mergullarse nelas, así como a aparición de formacións salinas coma os «icebergs» do grabado. No extremo septentrional do Mar Morto, atópanse as covas de Qumrán. Nelas Jbi onde, ala polo ano 1946, atoparía Mohamed ad-Dib os revolucionarios manuscritos que tanto veñen dando que falar dende entón aos investigadores.