09/12/08

AGAI solicita do Parlamento de Galicia unha Declaración Institucional en Memoria do Holocausto


A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) ven de presentar no rexistro do Parlamento de Galicia, unha petición dirixida á súa titular, Dolores Villarino e aos voceiros dos grupos parlamentarios do PSdG-PSOE, BNG e PPdG-PP para que o vindeiro 27 de xaneiro de 2009 aproben unha Declaración Institucional conmemorativa do Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. A petición foi acompañada dun texto escrito por Jaime Vándor, poeta austriaco, profesor emérito da Universidade de Barcelona e supervivinte do Holocausto, texto que se propón para ser asumido polos deputados das tres formacións parlamentarias.
A decisión de designar unha data que anualmente lembre as atrocidades dunha traxedia como a Shoáh foi tomada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o primeiro de novembro do 2005 sob o lema “Lembremos hoxe e por sempre”. A repulsión mundial ao xenocidio sistemático de seis millóns de xudeus foi, no seu momento, unha das razóns que motivou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos”. Dende entón, as Nacións Unidas teñen a responsabilidade sagrada de loitar contra o odio e a intolerancia e deben estar á vangarda da loita contra o antisemitismo e outras formas de racismo.
Despois de aprobar o 1º de novembro de 2005 a resolución, a Secretaría Xeral das Nacións Unidas denominou este día especial como “un recordatorio fundamental das leccións do Holocausto, unha desgraza sen igual que non pode, simplemente, relegarse ao pasado e esquecerse”.
Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel, queremos e debemos lembrar a Shoáh, con vergonza e con horror desde a nosa militancia na condición humana, porque só así, lembrando, podemos honrar ás vítimas como merecen. Só recoñecendo a verdade, estando en paz coa Memoria, estaremos tamén en condicións de eliminar de raíz as ideas criminais que levaron a uns homes a aniquilar a outros polo mero feito de seren xudeus. E lembrar é, tamén, unha salvagarda para o futuro, para que nunca máis agrome á fonda perversión dos campos de exterminio, nunca máis medre á barbarie e á degradación dos seres humanos; nunca máis se impoñan ás ideoloxías que só causan destrución e degradación moral.
Dacordo con estes postulados, e tendo presente que as Cortes Españolas, ademáis dos parlamentos de Catalunya e da Comunidade de Madrid levan anos conmemorando esta data, a Asociación Galega de Amizade con Israel, (AGAI) solicitou o pasado día 28, da presidenta do Parlamento e dos voceiros dos grupos parlamentarios do PPdG-PP, PSdG-PSOE e BNG unha declaración institucional para esta data tan sinalada.