13/12/08

Aclaración a Méndez-Ferrín


Por Pedro Gómez-Valadés

Faro de Vigo - 13.12.08

En relación ao artigo que titulado "Lydia Kuper" asina nas páxinas do Faro de Vigo o sr.Xosé Luís Méndez Ferrín o pasado venres día 5 do mes que andamos, e por alusións, quero facer unha acho imprescindíbel aclaración. Feita desde o respecto e admiración sincera pola figura literaria do autor que sen dúbida é parte non só do máis grande da literatura galega de todos os tempos, senón incluso da literatura europea. Mais a súa enorme calidade como orfebre da palabra non evita que cometa algunha inexactitude. No devandito artigo o sr.Ferrín di textualmente:" O sionismo e os amigos de Israel en Galicia nunca falaron destes xudeus galegos". Ten razón no que atinxe aos casos que no seu texto menciona. Mais pode ter claro o Sr.Ferrín que o motivo foi simplemente o descoñecemento. Como estou seguro que o sr.Ferrín non tratou nunca nos seus artigos os casos das Irmás Touza ou do insigne médico vigués Eduardo Martínez Alonso que durante a II Guerra Mundial salvaron a centos de xudeus que fuxían da barbarie nazi, foi sen dúbida por descoñecemento.

A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) que teño a honra de presidir, ten só 2 anos de singladura. O traballo desenvolvido na procura da recuperación da nosa memoria histórica é abondoso e constante. Mais o tempo na súa teimuda ditadura fai imposíbel abordar todo o traballo pendente en só dous anos. Quero aproveitar este espazo para convidar ao Sr.Ferrín a participar con AGAI en algún acto de recoñecemento de casos como os que trata no seu artigo. Fica a nosa asociación aberta a colaborar con Vostede e anímao a continuar co seu didactico e imprescindíbel traballo de divulgación de páxinas negras da nosa historia como o caso que "Lydia Kuper".