03/11/08

No aniversario do asasinato de Rabin


Por Raphael Schutz*

Mañá, 4 de novembro, é o decimotercer cabodano do asasinato do primeiro ministro de Israel Yitzhak Rabin por un extremista xudeu. Moitos artigos e mesmo libros escribíronse sobre o significado do asasinato e as implicacións do mesmo en diferentes ámbitos. Centrareime só en dous aspectos: as consecuencias que tivo para a democracia israelí e como influíu nas relacións de Israel cos seus veciños palestinos. O asasinato foi a culminación dun proceso de polarización ideolóxica experimentado pola sociedade israelí co transfondo dos acordos de Oslo. Rivalidades políticas lexítimas fóronse deteriorando naquelas semanas, derivando en manifestacións de hostilidade e odio. A violencia estaba no aire. O asasinato, por chocante que foi, non tiña por que sorprender a quen lera correctamente o mapa da realidade. Hoxe é fácil chegar a esa conclusión, pero en 1995 moi poucos o fixeron. A maioría dos israelís -políticos e responsables de seguridade incluídos- pensamos entón: a nosa democracia é forte e inmune ante este tipo de fenómenos. Equivocámonos. No curto prazo, o tráxico asasinato freou a escalada do odio; un proceso interno de reflexión conduciu a un descenso nos niveis da discusión e á volta do debate democrático a liñas aceptables e lexítimas. Pero temo que non se fixo o suficiente. Hoxe, cando existe a posibilidade de que esteamos próximos a unha toma de decisións críticas nas negociacións cos nosos veciños, a violencia política volve asomar a súa cabeza na sociedade israelí. Hai só un mes fracasou, milagrosamente, un atentado contra a vida do profesor Zeev Sternhell, unha figura prominente no campo da esquerda sionista israelí. É un feito moi preocupante. A democracia israelí non pode permitirse outro asasinato político. A principios da década dos anos setenta, a primeira ministra de Israel, Golda Meir, dixo: "O pobo palestino non existe". Hai algúns meses, o primeiro ministro dimitido, Ehud Olmert, dicía: "Se á beira de Israel non vai existir un Estado palestino independente, Israel tampouco poderá existir como Estado xudeu e democrático". Yitzhak Rabin tivo un papel importante e central neste profundo cambio de percepción e no percorrido que fixeron a opinión pública israelí e os seus líderes neste lapso de tempo. Rabin, nacido en Tel Aviv en 1922, non responde o perfil clásico "dun home de paz". Foi un militar que loitou en todas as guerras de Israel, desde a batalla pola súa independencia en 1948 até a Guerra dos Seis Días en 1967, na cal ocupou o posto de comandante en xefe das Forzas Armadas baixo o Goberno no que Golda Meir ocupaba un posto como ministra. Cando ela chegou a primeiro ministro, el foi nomeado embaixador en Estados Unidos e logo ministro de Traballo no seu Gabinete. Non hai motivo para supor que cando ela dixo "o pobo palestino non existe", el non estivese de acordo con ela. Pero Rabin tiña unha virtude bastante infrecuente, que é a que diferencia a un político dun estadista: sabía cambiar. Na súa calidade de patriota israelí e sionista nalgún momento entendeu que a existencia de Israel como Estado xudeu e democrático requiría un cambio drástico nas posicións de Israel e é o que lle leva a tomar a decisión de recoñecer á OLP e logo á Autoridade Palestina. Como en calquera episodio histórico, é difícil saber que pasaría se as balas do asasino non segasen a súa vida no corazón de Tel Aviv. Pero unha cousa está clara: o consenso que existe hoxe en Israel en canto á necesidade dun Estado palestino xunto a Israel conseguiuse en grande medida pola decisión de Rabin. Un consenso que na actualidade abarca tamén amplos sectores moi significativos da dereita, que no seu momento estaba contra a decisión de Rabin. Trece anos despois do asasinato, pódese dicir que a iniciativa de Yitzhak Rabin -dirixida a asegurar a existencia de Israel como Estado xudeu e democrático- sobreviviu ás balas do seu asasino. Para os seus compañeiros de viaxe, os seus seguidores e quen lle recordan, isto debería servir, en certa medida, de consolo.
* Raphael Schutz é Embaixador de Israel en España