De seguido encetamos as crónicas que do pasado Curso de Verán "60 anos do Estado de Israel" e organizadas por ACOM (Acción para la Concordia en Oriente Medio), Casa Sefarad-Israel, Embaixada de Israel e Universidade Carlos III, tiveron lugar entre os días 7 e 11 de Xullo.
As relacións bilaterais Israel – España
Por Jose Antonio Lisbona
O Curso de Verán sobre o Sesenta Aniversario do Estado de Israel, organizado na Universidade Carlos III en Aranjuez, deu comezo coa intervención do politólogo e experto nas relacións diplomáticas hispano-israelíes Jose Antonio Lisbona (Barcelona, 1961), que realizou unha conferencia sobre o periplo que levou ao recoñecemento de Israel por parte de España, así coma dun resumo deste breve periodo de só vinte anos de relacións mútuas.
A historia da convulsa relación entre Israel e España nace xunto co Estado sionista, logo de que as Nacións Unidas decretaran a creación do Estado no 1948. Cando, ao ano seguinte Israel foi aceitada no seo das Nacións Unidas, a política do recén creado Estado foi dende o principio contraria ao ingreso da España fascista na ONU. A delegación israelí adoptou esta posición non por animadversión cara España pola secular persecución de xudeus, senón pola vixencia, aínda despóis da Segunda Guerra Mundial, dun rexime político fascista que colaborara con nazismo xenocida. Israel entendía que mentres en España rexise un sistema político non democrático e na estela do que gobernara Alemaña durante o Terceiro Reich, España non podía ser parte da familia das nacións. Dende o principio tamén, o franquismo intentou modificar a vontade israelí neste senso. Illado internacionalmente logo da caída do Eixo, a situación de ostracismo do Rexime contrapúñase á recuperación europea que seguiu á implementación do Plan Marshall, o cal acentuou máis se cabe a soidade internacional da España fascista. Lisbona apunta algunas das estrataxemas seguidas polos servizos diplomáticos españois para lograr que Israel, se non apoiaba o ingreso de España na ONU, cando menos se abstivese de votar en contra.
Unha delas foi o intento de mobilizar ás comunidades sefarditas para que estas presionaran ao Goberno de Israel. Esta operación fracasou, posto que o problema non era, como se apuntou arriba, con España en canto país vinculado históricamente ao pobo xudeu, a vella Sefarad, senón con rexime político antidemocrático español.
Un segundo intento de abrandar a posición israelí foi argumentar que, durante a Shoáh, o franquismo axudara a escapar a varios centos de xudeus a través de vericuetos diplomáticos. Esta apropiación do franquismo de feitos illados levados a cabo por persoal diplomático por vontade propia, sen directrices de Madrid, tampouco serviu de nada. En total, Israel votou contra o recoñecemento de España ate en dúas ocasións, o que demostra o fracaso das xestións.
Coa caída do franquismo, todo parecía indicar que o recoñecemento mútuo sería cuestión de tempo, máis os anos foron pasando sen que isto se producira. Con frecuencia tende a atribuírse á tradicional dependencia de España do mundo árabe, coma única saída internacional ante o baleiro de relacións co resto de Europa que seguíu ao fin da Segunda Guerra Mundial, o que contribuíu a retrasar esta decisión.
Co paso dos anos, a situación tornouse demasiado extraña coma para que pasara desapercibida na nosa contorna internacional. Cando todos os estados de Europa tiñan xa relacións con Israel (incluso a mesma Alemaña acadaría este fito da man de Adenauer), España seguía sen recoñecer a Israel. A situación era insostible, máis non se sabía ben como dar o paso.
Daquela presentouse a ocasión dourada para poder recoñecer ao Estado de Israel sen soliviantar demasiado ao mundo árabe. A entrada de España nas CEE foi a excusa perfecta; os representantes diplomáticos españois expuxeron aos países árabes que xunto co ingreso nas institucións comunitarias, España víase condicionada a recoñecer a Israel para non constituír unha anomalía en Europa. Esta ocasión non foi desaproveitada, e ese é o motivo polo que o recoñecemento mutuo entre España e o Estado de Israel aconteceu con só unhas semanas de diferenza da entrada española na CEE. A situación era por aquel entón tan rara, conta Lisbona, que cando un diplomático español nos EUA comunicoulle ao Goberno estadounidense o inminente establecemento de relacións bilaterais hispano-israelíes, a reación do diplomático americano foi: “Cómo, ¿Pero aínda non teñen relacións con Israel?”
A intervención de Lisbona, con grande profusión de datos e xalonada de anécdotas de primeira man sobre as complexas relacións bilaterais entre ambos Estados, rematou cunha valoración de cómo Israel pasou a ser, após a Segunda Guerra do Líbano, parte da política interna de España. Segundo o ex-xornalista e consultor, a actitude do PSOE, adoptando unha posición oficiosa antiisraelí a través de declaracións de algúns dos seus máis importantes cargos orgánicos, deu pe a que a política exterior se mesturara coa interna, nunha equiparación maniquea entre a dereita política e o Estado de Israel. Lisbona alertou na súa intervención do perigo que supuña empregar a política internacional coma unha arma arroxadiza na política partidaria interna, e sinalou coma esa posición antiisraelí do PSOE na oposición non se correspondía cunha mudanza nas relacións bilaterais agora que estaba no Goberno. A este respecto, sinalou que Miguel Ángel Moratinos, a quén lle atribuíu un coñecemento solvente da realidade de Oriente Próximo non establecera mudanzas sustanciáis a respecto das relación que había durante o Goberno do Partido Popular.
Unha crónica en exclusiva de O ruído dos días. O noso agradecemento