Como parte dos actos previstos na celebración do Día Internacional de Recordo das Vítimas do Holocausto, e a falta da participación das nosas institucións autonómicas por mor do vergoñento veto imposto polo BNG, desde AGAI organizamos varios actos de moi diferentes características. Este ano e por vez primeira e en colaboración co Arcebispado de Santiago organizouse unha ceremonia litúrxica na Catedral de Santiago en memoria, recordo e homenaxe ás vítimas (moitos galegos que parecen non ser parte da nosa Memoria Histórica para o BNG) da que aquí podes ver un pequeno resumo. Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel, asociación na que hai membros que perderon gran parte da súa familia no xenocidio que asolou Europa e que fixo practicamente desaparecer a presenza milenaria do pobo xudeu entre nós, facemos un chamamento á responsabilidade e a decencia de quen pode presumir de ter impedido que o noso Parlamento, esa Casa Común de todas as galegas e galegos, ficara ao marxe dos actos de recordo que por toda España e por toda Europa se organizaron.