19/01/08

27 DE XANEIRO. DÍA INTERNACIONAL DE RECORDO DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO.


27 DE XANEIRO. DÍA INTERNACIONAL DE RECORDO DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO.

Holocausto: o labor da memoria

En todos os países da Unión Europea conmemórase por lei o Día Oficial da Memoria do Holocausto e de Prevención dos Crimes contra a Humanidade (compromiso asumido pola UE, mediante declaración de Romano Prodi, en Estrasburgo, 26-01-2004). O día fixado é o 27 de xaneiro, aniversario da liberación de Auschwitz pola tropas soviéticas, en 1945. Con todo, son tantos os actos programados por todas partes, até nunha mesma cidade, conferencias, exposicións, ciclos de cine, seminarios, etc., que o que ía ser unha xornada conmemorativa estase a converter nun mes de actos, para evitar a coincidencia do organizado por institucións oficiais, asociacións, comunidades relixiosas e colectivos diversos. Se a isto se lle engaden as emisións por radio e televisión, discursos, entrevistas e documentais, fai falta que o asinante, sobrevivente desta singular barbarie histórica, contribúa á profusión do tema nos medios? Non se corre o risco de que a reiteración vaia en detrimento do interese público, e o seu efecto sexa contraproducente, levando ás xentes ao fastío, ao desinterese por saturación?

A miña resposta é que aínda que a saturación é posible, iso non nos exime da obriga de recordar e, con iso a prever, pois todo o que unha vez ocorreu na Historia, tarde ou cedo pode volver suceder. Por outra banda os anos pasan, chegan xeracións novas que nada saben, adolescentes e universitarios para os que o nazismo é cousa dun pasado opaco: a súa vida presente, a dos mozos, é tan absorbente que o ocorrido hai máis de sesenta anos para eles pode non ser máis ca unha curiosidade histórica, en todo caso o guión dunha película pouco crible. A miña convición é que todo o que se faga por manter viva a memoria é bo. Iso lévanos á pregunta clásica: os pobos aprenden algo da Historia, as experiencias sufridas por unha xeración poden servir de lección para as xeracións posteriores?

Non creo que exista resposta a tal pregunta, nada que sexa xeneralizable e se poida demostrar con datos. Pero o que si está claro, en todo caso, é a nosa obriga de intentalo, intentalo incansablemente, falar unha e outra vez de canto ocorreu. Debemos de ver o ben e o mal como constantes da Historia, pois son, desde sempre e para sempre, inherentes á natureza humana. Guerras sempre haberá, e persecucións, e crueldade, pero imos calar por iso, deixar que as cousas sigan o seu curso, sen opornos con todas as nosas forzas, sen empeñar toda a nosa enerxía vital en apontoar o ben, e alertar contra o habitual risco das conciencias molmente adormentadas, mentres os esbirros non chaman á nosa propia porta? Por agora as ciencias carecen de medios para combater o mal, cando este procede do home mesmo. Pero o coñecemento probablemente sexa unha axuda. É certo que isto é difícil de probar: por iso penso que crer na utilidade da Memoria Histórica é un acto de fe. Recordar non é só unha misión para prever males do futuro. Tamén é unha obriga para con aqueles que sufriron e pasaron por aldraxes e tormentos que nin podemos concibir -afortunadamente, hai que engadir, pois se puidésemos, xa non nos sería posible volver conciliar o sono-. Lembrar é a expresión do que a miña nai, en paz descanse, chamaba no meu alemán materno Pietätsgefühl, un sentimento de piedade respectuosa que debemos aos mortos.

O home propende máis á paixón que á reflexión e os pobos teñen a memoria curta. No mundo segue habendo violencia, represión, explotación, tortura e inxustiza, aínda que, exceptuando Iugoslavia, para Europa a segunda metade do pasado século foi mellor que a primeira. Pero desconfiemos da seguridade: o mal é unha opción aberta e nunca se adormenta definitivamente. Todo pode repetirse. Manteñamos a conciencia alerta.
* Texto escrito por Jaime Vándor Kóppel