31/12/07

Recuperar o Barrio Xudeu de Betanzos

O goberno local de Betanzos estuda fórmulas para recuperar o Barrio Xudeu.

As casas tradicionais foron desaparecendo na zona da Cruz Verde. Agora o Concello de Betanzos está estudando fórmulas para recuperar o coñecido como barrio Xudeu ou Cruz Verde, sobre o que tanto o goberno como a oposición coinciden en asegurar que está «abandonado». A alcaldesa anuncia que un dos seus obxectivos para o 2008 é modificar o Plan Especial de Protección e Ordeamento do Casco Histórico, para facilitar as rehabilitacións nesta área. A idea que baralla María Faraldo é combinar as actuacións urbanísticas coas de divulgación: «Esta zona é a gran descoñecida tanto para os visitantes, como para os betanceiros», di a alcaldesa, moi crítica cos anteriores gobernos locais. «Nunca se tivo en conta a este barrio e por iso foi desaparecendo. De feito, queda moi pouco», explica. André Otero, do BNG, coincide coa alcaldesa en que apenas se conservan casas tradicionais en algunhas das rúas que conforman o Barrio Xudeu, como Doutor Fleming e A Cañota. Asimesmo, denuncia a falta de limpeza e que «nunca se fixo rehabilitación, nin mantemento».