Lehita Marques escríbelle ó seu amigo Gustavo unha carta na que lle pide os seus comentarios a cerca da historia que lle conta nela. De Gustavo non sei nada. De Lehita sei que é xudea porque así o afirma ela. Tampouco non sei se Gustavo lle comentaría algo ou non. Sei que a carta é recente, do pasado xullo, e que anda pola xeografía da Internet.
Lehita ten unha filla, Sheila, de obra de dezaseis anos, á que lle deu por tocar a gaita -a escocesa, pra máis señas- e andou a dar voltas pra ver ónde podería aprender a tanguela. Atopou abeiro no Centro Galego de Avellaneda de Buenos Aires. Integróuse nun grupo e agora aprende rápido e ben, pero xa coa nosa gaita. É a máis nova do grupo. O que a segue en idade xa pasa dos setenta pero, según conta Lehita, son todos grandes gaiteiros. A cousa seica vai de marabilla.
O problema xurde cando hai algunha intervención pública do grupo de gaiteiros. Entón, os da directiva segregan a Sheila por ser xudea. Seica xa fixeron o mesmo con outra rapaza que ía alí bailar. Eiquí chegados non serei eu quen faga ningún comentario. Se os feitos son eses, coméntanse eles mesmos. Se eu vivise en Buenos Aires, iríame deica o Centro Galego en cuestión, inscribiríame no grupiño de gaitas onde Sheila está a aprender e logo declararíame xudeo, a ver qué pasaba.
Se foramos cen aprendices de gaiteiros a facer o mesmo poderíamos facer unha festiña. E se nos deramos de alta como socios mesmo poderiamos evitar a reelección como directivos dun centro galego de xentes que, ó meu enteder, non representan dignamente ó resto dos seus paisanos.
Que os galegos, que padecemos segregación secular e que non hai aínda moito aínda andamos a erradicar dos diccionarios acepcións que nos denigran, andemos agora a facer o parvo con actuacións como esta que se cita dalle a razón ós que non queren quitar do diccionario da RAE esas acepcións ignominiosas entre as que a de parvos campa lixeira coma o vento. Que o fagan en BS. As. logo do aínda recente libro de chistes sobre nós que premiou Planeta hai uns anos, é unha ironía máis da nosa historia colectiva.
E iso sen esquecer que somos terra na que os xudeos viviron, se reproduciron e medraron ata que a intransixencia os botou fóra. E así nos foi.
Dende aquela aínda agora andamos a levantar cabeza. Esa mesma cabeza que actuacións como estas nola abaixan por vergonza allea. A vergonza que tal actuación desperta.