Por Pedro Gómez-Valadés*
É posíbel que o ruído provocado por certas actitudes, alleas por completo á Asociación, teña distorsionado aos ollos da opinión pública o sentido e os obxectivos que a Asociación Galega de Amizade con Israel (www.amizadeconisrael.org) se marca. Non é desde logo o escenario buscado por AGAI o do confronto con ningunha organización política, mais tampouco AGAI, como asociación legal, transparente e democrática, pode facer desleixo dos seus dereitos, permitindo ningunha situación de acoso e discriminación contra calquera socio polo simple feito de selo, ao tempo que militar nunha determinada formación política. Mais o certo é, que o barullo en que nos vimos na obriga de nadar ao pouco de nacer, pode ter ocasionado unha falsa percepción da Asociación. Permítaseme, xa que logo, moi brevemente, facer unha exposición á forza esquemática, dos obxectivos que desde o 1 de decembro pasado (data da constitución en Compostela da Asociación) guían as nosas accións.
Somos galegos. Nacemos nos días finais de 2006, Ano da Memoria. Pois ben, a nosa memoria, a nosa Memoria Histórica como galegas e galegos non se pode comprender sen entender e sen atender a pegada que a presenza secular do pobo xudeu deixou entre nós. Porque non é só o barrio xudeu de Ribadavia, non é. O pobo xudeu, que cen anos após o edito de Expulsión dos Reis Católicos aínda permanecía entre nós (o mestre Álvaro Cunqueiro mantiña que realmente os xudeus nunca abandonaron Galiza) tivo unha forte presenza nos catro puntos cardinais da nosa xeografía. Desde A Coruña a Tui. Desde Monforte de Lemos a Santiago de Compostela. Desde Allariz a Pontevedra. Ou a incomprensibelmente pouco coñecida e excepcional Biblia Kennicot. Recuperar pois, a memoria daqueles tempos é recuperármonos un pouco mais a nós mesmos, como galegos construídos ao longo da nosa historia.
Somos europeos. E no corazón de Europa, no corazón do século XX, Europa pariu a maior besta que as terras e os tempos deron a luz. O nazismo, coa súa delirante e inhumana industria do exterminio, é o punto álxido de séculos de débeda moral acumulada de Europa coa súa propia alma xudía. Recordar o Holocausto, agora que por lei de vida as testemuñas directas da barbarie comezan a desaparecer, é obriga moral de todos os que militamos na nosa condición de seres humanos. É a nosa obriga mantermos o facho do recordo aceso, como único antídoto de posíbeis retornos das bestas. Porque non quedan moi lonxe de nós, as políticas xenocidas de limpeza étnica perpetradas nos Balcáns non hai moitos anos. Loitar contra a banalización e o esquecemento do Holocausto é obriga, ou debera selo, de todo demócrata independentemente da súa cor política.
Por último, desde AGAI entendemos que a visión que en moitas ocasións ten a cidadanía do conflito árabe-israelí non se axusta á realidade. Porque o problema non se pode tratar coma un guión en branco e negro e de bos e malos. E un drama con mil aristas e matices, que esixen un esforzo de atención que moitas veces por diferentes motivos non se ten. E como tal non pode ser tratado desde posicións simplistas, maniqueas e sesgadas que eleven á categoría de información o que só é propaganda. E desde logo, manter posicións acríticas cos palestinos, como se despois de 60 anos de conflito non tiveran ningunha responsabilidade na súa non resolución, é un fraco favor á comprensión do problema.
Da información real e obxectiva virá sen dúbida unha mellor e máis imparcial análise do conflito. Achegar información, canta máis información sexamos quen de xerar, desde a modestia consciente das nosas limitacións, é un obxectivo fulcral da Asociación Galega de Amizade con Israel.
Pero se teño que resumir nunha soa frase o porqué da Asociación Galega de Amizade con Israel, esa frase sería: Por pura e simple hixiene democrática. Porque as actitudes de exacerbada intolerancia xurdidas nos últimos meses, proban e deixan claro non só a pertinencia da constitución da Asociación, deixan moi claro a urxencia mesma da súa existencia.
* Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI)