Por Carlos Luís Rodríguez
O deputado Francisco Rodríguez tivo unha encomiable iniciativa ao pedir a derrogación das acepcións pexorativas de galego. En concreto, parvo e tatexo lograron pasar a peneira dos académicos e instalarse comódamente no dicionario. Os etimoloxistas saberán cal é a orixe desta asociación, pero tan interesante como a súa orixe é a súa continuidade a través do tempo, cando xa os usuarios destas versións do galaico saben que se trata dun tópico sen relación coa realidade. Por que se perpetúan estes significados? Por comodidade, tal vez. Aos usuarios resúltalles máis cómodo mantelos vixentes que cuestionalos.
Os estereotipos sobre persoas, pobos, razas e culturas teñen unha forza extraordinaria. Demóstrao o propio dicionario da Real Academia Española, onde se poden topar as expresións "irse á francesa", "enganar como a un chinés", ou "facer unha judiada".
Unha "judiada" precisamente é o que lle están a facer a ese militante nacionalista de Vigo, acusado de secundar o imperialismo sionista por formar parte dunha asociación que promove a amizade entre o pobo galego e o israelí. En pura coherencia, o mesmo parlamentario que se subleva contra os clixés vexatorios cos galegos, debe facer o propio con estes dogmas impropios dun partido laico. Neste caso ademais, o tópico xenófobo non só afecta ao dicionario senón aos principios políticos, ate o punto de que o simpatizante imperialista ten un pe na rúa.
Poucos pobos deberan ser máis admirables para un nacionalista como o xudeu. Despois dunha loita inmemorial, consegue formar un Estado, integrado por xentes de diferentes procedencias que ao principio só fican unidas polo seu sentimento nacional. E que dicir do idioma? Rescatan o seu de entre as pedras do deserto e os guetos europeus, converténdoo en lingua oficial, un soño para calquera defensor actual da normalización lingüística do galego. Se ese nacionalista é ademais de esquerdas, ten nese mesmo Estado unha das poucas experiencias con éxito de colectivismo. Non hai nada parecido ao kibutz que implantaron os colonos laboristas. Fronte ao marxismo teórico (obra dun famoso xudeu alemán), David Ben Gurión e os seus protagonizan outro práctico, do cal aínda quedan algunhas reminiscencias.
Sen embargo, todos eses méritos non valen nada cando se confrontan aos atavismos. Para o sanedrín do BNG vigués, non só é mala a política actual do Goberno israelí, cousa coa que é fácil estar plenamente de acordo, senón a historia enteira do Estado hebreo. De acordo cos lugares comúns que rixen a actitude nacionalista sobre a materia, ser amigo do pobo israelí non é compatible con selo tamén do palestino. Admirar a loita destes entra en contradición con recoñecer a longa marcha daqueles en pos da súa nación. Polas informacións que chegan, nin sequera o incidente serviu para estimular un debate. Á igual que os sudamericanos que equiparan galego con tatexo, hai nacionalistas que asocian Israel con Satanás, sen atreverse a argumentalo. Acontecería o mesmo se Pedro Gómez-Valadés, o ladino do episodio, estivese involucrado nunha asociación anticastrista. Castro é outro imperialista que interveu en conflitos estranxeiros e apoiou guerrillas fóra de Cuba, pero a súa figura será intocable para estes dirixentes que, acaso sen sabelo, repiten argumentos usados tempo ha polos Reis Católicos.
Publicado no xornal EL CORREO GALLEGO (02.04.07)