Por Xosé Manuel García
Decepciona constatar a persistencia dun BNG prisioneiro, nos seus asuntos internos, dun sector ancorado en excesos propios de épocas pasadas. Aqueles tempos duros nos que a tiranía criminal do Ogro exterior atinxía tal magnitude que calquer cuestionamento dos dogmas supuña un espazo entregado ao inimigo.
Esta prática non é endémica da primeira forza do nacinalismo galego, que a comparte con organizacións políticas de dereita e esquerda, mergulladas nun maniqueísmo inducido no que afogan os matices. Matices que se converten en deslealdades, en traizóns. Sempre se é máis indulxente coa direita, á cal se lle supón unha férrea coeréncia ancestral, da que rara vez se afasta. Non é ese o caso da esquerda. Ésta, ficará sempre suxeita á análise das lexións do desencanto, que adoitan non pasarlle unha.
Pódeselle pedir ao BNG, sen risco a parecer desencantado, que erradique a anacrónica inércia que o lastra na resolución das discrepáncias internas. O caso de Pedro Gómez-Valadés, o militante de Vigo presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) é significativo. É lexítima a crítica razoada á política exterior israelita, digna en muitos casos dunha severa reconvención, pois a sociedade de Israel -vítima dun acoso sistemático do seu entorno que xa se ten prolongado de máis-, tende a abandonarse a excesos inadmisíbeis na sua pretendida autodefensa. Contodo –mesmo as súas sombras-, a pluralidade da sua sociedade, o carácter democrático de Israel e a súa condición de elemento de estabilización ocidental no Oriente Próximo, son factores nesta altura incontrovertíbeis.
A liberdade de calquer militante dun partido político para actuar na sociedade como cidadán ten lugar ao abeiro de princípios que se formulan nas declaracións universais de direitos humanos, e forma parte da tradizón europea sobrevivente aos totalitarismos. Existen límites, como é lóxico, suxeitos aos princípios ideolóxicos de cada organización política (máis ben, á prática coerente deses princípios, tan escasamente habitual nos seus líderes) e á ética, mas á pertenza a unha asociación como AGAI, non é, a todas luces, un deles. Considerar “imperialista”, como se dí, un pais como Israel, obrigaría a incluír no pacote a Rúsia, Sérvia, Iraque, ...que non producen precisamente fóbias entre os sectores que agora avogan pola persecución deste militante. Ademais, unha sombra pairaría sobre o BNG. Quen serian os próximos? Os cristiáns, os sindicados en organizacións non nacionalistas, os reintegracionistas, os conductores de Audis, os profesores de Literatura Española, os vinculados ao Opus Dei, os que falan español aos fillos...?
O que semella estar realmente en xogo é a credibilidade do BNG na sociedade galega. O titánico esforzo organizativo e programático realizado ao longo dos seus vinte e cinco anos de existéncia tense caracterizado pola progresiva adopción dun discurso construtivo, plural, aberto á evolución desa sociedade. Discurso que implicou renúncias e contradicións, mais que ten concitado importantes apoios sociais entre a cidadania. Discurso construido –non deve esquecerse- rebatendo os estigmas que sistemáticamente lle foron impostos desde toda parte. A dureza do camiño percorrido até ser forza de Governo, exixe que a Dirección non outorgue carta branca a quen pretenden impor o ferro sobre a razón, reservando o réxime disciplinar para situacións que realmente o exixan (nepotismo, uso inapropriado dos cargos orgánicos ou institucionais, corrupción,...).
George Orwell, home que morreu novo mais viveu coa raiva do adolescente, soubo o que foi a entrega feroz ás suas ideas, e recoñeceu o erro de ceder terreo á ortodoxia inquisidora. Deste xeito, padeceu a purga dos correlixionários, que nen repararon en que o Ogro que tiñan diante –outravolta o Ogro- non ia facer diferenzas entre represores e represaliados.
Foi Orwell, en definitiva, o que ilustrou, en “1984”, o absurdo ao que por veces nos conducen os movimentos de liberación do ser humano cando ceden á tentación de renunciar ao propio ser humano:
“- Cantos dedos hai aquí, Winston?.
- Catro.
- E se o partido dí que non son catro, senón cinco?
(…)
- …os que queiras, mais acaba de vez. Detén esta dor.”
Lembremos que Orwell morreu, con todo, reafirmándose na sua condición de socialista demócrata. Todo un mérito, que deveria inducir á reflexión.
Artigo publicado en XORNAL.COM