18/01/07

NOTA DE PRENSA:


NOTA DE PRENSA:


A.G.A.I. PIDE AO PARLAMENTO GALEGO QUE O 27 SE PRONUNCIE OFICIALMENTE EN MEMORIA DO HOLOCAUSTO


A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) remitiu cadanseu escrito á Presidenta do Parlamento e aos voceiros dos grupos parlamentares do BNG, PPdG e PSdG-PSOE en solicitude de que a Cámara Lexislativa Galega programe algún tipo de acto para o vindeiro 27 do presente mes, “Día da Memoria da Shoá (Holocausto)”.

No escrito entregado no rexistro da Cámara lémbrase que o vindeiro 27 do presente mes de xaneiro está establecido internacionalmente como “Día da Memoria do Holocausto”, logo de que as Nacións Unidas aprobaran o 1º de novembro de 2005 a Resolución 60/7 en tal sentido.

Con anterioridade, concretamente o 28 de xaneiro do 2000, o Foro Internacional de Estocolmo xa se amosara partidario desta conmemoración, iniciativa que posteriormente ratificarían o 16 de outubro dese mesmo ano en Cracovia (Polonia) os Ministros Europeos de Educación e o 26 de xaneiro de 2004 os Presidentes da Comisión Europea.

Cos devanditos precedentes, a Asociación Galega de Amizade con Israel solicitou da Presidenta e máis dos voceiros, que promova ou apoien algunha declaración e que mesmo conviden a algún supervivinte da Shoá a que fale na súa tribuna “para que o pobo galego non esqueza nunca a vergoña e mailo horror da historia colectiva do vello continente europeo ao que pertencemos”. A propia Asociación brindouse para poñer a disposición do Parlamento a un supervivinte dos campos nazis.

AGAI é unha asociación plural de ámbito galego e domicilio social en Vigo, que engloba a un cento de afiliados, algúns deles cargos orgánicos ou electos dos tres partidos citados, e que entre os seus obxectivos ten o de “denunciar e traballar contra a perversa banalización do Holocausto”.

Vigo, 17 de xaneiro de 2007