28/01/07

CRONICA DUN NACEMENTO DESEXADO


CRÓNICA DUN NACEMENTO DESEXADO
Cómo se xestou a Asociación Galega de Amizade con Israel

Por Miguel Boó

Parece mentira pero dous meses despois da data xa histórica da nosa constitución en AGAI, unha boa parte dos asociados non coñecen ainda como prendeu este facho tan ilusionante que entre todos fomos quen de dar a luz. O noso presidente convidoume a facelo e ahí vos vai como vivin eu a creación da Asociación Galega de Amizade con Israel.

O 9 de xuño de 2006, tres anos despois da primeira xira de conferencias por Galicia que lle organizara ao escritor, xornalista e profesor universitario Gustavo D. Perednik, o conferenciante, e amigo, lanzoume o reto: “Miguel, non eres capaz de fundar unha asociación pro israelí en Galicia”. Aquilo picoume no amor propio e na cea que aquela noite celebramos en Sada, despois da súa maxistral intervención naquela fermosa vila da costa coruñesa, o tema xurdiu de novo. E alí, entre amigos, co concelleiro sadense Marcos López Mallo, co xornalista Antonio Solla e co empregado de banca Ismael Blanco, entre os sete comensais que se completaban coa miña muller e o meu fillo, conxurámonos para fundar unha asociación pro xudea e pro-israelí no medio medio dunha sociedade xudeófoba.

Aquela noite deiteime soñando con apadriñar unha criatura á que xa lle tiña nome: Asociación Galega de Amizade e Solidariedade con Israel. Nos dous meses seguintes contactei con outras asociacións semellantes en Andalucía, Catalunya, Madrid e Cantabria pedindo consello, asesoramento… e modelos de estatutos. Non tiven moita sorte, porque aparte de boas palabras e de recibir moitos ánimos tiven que buscarme a vida e artellar uns obxectivos segundo me dictaba o meu modesto saber e entender, e tiven que percurar papeis, fotocopias, normas, burocracias etc.

Chegou agosto e funme de vacacións coa sensación de que para tirar cara adiante non podía facelo só cos meus amigos. Precisaba duns aliados sen o cales non tiñamos futuro. Precisaba conseguir xentes da esquerda que públicamente non tiveran reparo en aparecer como pro-israelíes. De non telos, a asociación nacería coa tacha de estar composta por “un feixe de fachas” que é como os fascistas de esquerdas chaman moitas veces as xentes decentes, mil veces máis demócratas ca eles.

A miña volta de vacacións, exactamente o 4 de setembro, ao abrir o meu correo electrónico topeime, no medio de más dun milleiro de mails, un de Fernando Alvarez Barón, presidente da Asociación Solidaridad España-Israel, no que simplemente dicía: ¡Felicidades Miguel por ese blog!

Pero eu non tiña blog ningún, así que quedei pensando a que se debía a equivocación. Como mandaba unha ligazón que dicía http://galiza-israel.blogspot.com, entrei nela. E ¿qué descubrin? O que todos sabedes: a bandeira de Israel pegada coa bandeira de Galicia pero coa estrela do BNG no medio. Puxen os ollos coma pratos. Non saía do meu asombro. Inmediatamente contactei co administrador do blog que resulto chamarse Pedro Gómez-Valadés, un tipo excepcional que cando lle contei as miñas intencións de fundar unha asociación respondeume que él tamen andaba no mesmo. Citámonos en Vigo, coñecémonos e, dende entón, somos un duo demoledor. (Vale, isto último é un pouco de máís. Retíroo)