Por Alona Fisher-Kamm
22.05.2007
22.05.2007
Como moita xente, seguín con inmensa preocupación e tristura as novas chegadas nos últimos días desde a franxa de Gaza sobre os enfrontamentos violentos entre Fatah e Hamás, unidos nun goberno de unidade nacional pero loitando no terreo. Decenas de mortos –armados e civís– asasinatos a sangue fría e unha poboación palestina desesperada, unha vez máis. A esta tristura súmase un sentimento de anoxo ao ler nos xornais a información sobre os ataques israelís: "Israel lanza sobre Gaza o peor ataque desde o alto o fogo de novembro", titula un; "Israel bombardea Gaza en plena escalada da guerra civil en Palestina", é outro dos encabezamentos. Non quero cuestionar a información publicada nos distintos medios de comunicación. Sen embargo, quero sacar á luz algúns datos e feitos que se lle "escapan" á maioría dos medios españois. Noticias ocultadas que poderían darlle ao lector unha perspectiva máis ampla na súa visión dos acontecementos.
1. Durante os enfrontamentos, un cidadán español atopou a morte en mans de Hamás. Sen embargo, as noticias non chegaron ao coñecemento do público. Nos poucos medios que o mencionaron, facía falta ler con moita atención para entender que Hamás foi o responsable, e non, por exemplo, Israel. Poderían vostedes imaxinar a reacción do público ou das autoridades se o cidadán español fose ferido accidentalmente por Israel?
2. Cantos dos atentos lectores saben que Mahmud Abbas anulou a súa viaxe a Gaza esta semana a raíz do descubrimento dun intento de Hamás de atentar en contra el? Non quero imaxinar a condena internacional se fora Israel. A gravidade do acto é aínda maior, xa que Hamás non é só un grupo terrorista recoñecido como tal pola comunidade internacional, senón tamén o socio do Fatah no goberno de unidade nacional, tan eloxiado pola UE. Acaso son estas as consecuencias desta composición gobernamental, que recibe aos poucos de facto o recoñecemento da comunidade internacional?
3. No primeiro día dos enfrontamentos, Hamás matou a cinco membros de Fatah perto do paso Karni. Ao ver a furia da poboación intentaron botar a culpa a Israel, denunciando un ataque israelí e chamando á vinganza.
4. Ao non ter a reacción agardada, reemprenderon o lanzamento de foguetes Qassam sobre a cidade de Sderot. En cinco días, ate o 20 de maio, ao redor de 150 foguetes caeron en territorio israelí. Escolas, xardíns de infancia, sinagogas, casas ou infraestrutura civil, todos foron obxectivos de Hamás. Decenas de civís israelís feridos, desaloxados de súas casas, escolas pechadas, unha cidade abandonada. Uns ataques e unhas consecuencias que non teñen o eco que lles corresponde nos medios de comunicación nin unha condena da comunidade internacional.
5. Durante todos estes días de ataques continuos, Israel limitouse a protexer aos seus cidadáns e, logo, a atacar de xeito moi limitado só as bases de Hamás e os núcleos de lanzadores dos Qassam, tratar de evitar na medida do posible calquera dano a civís non implicados e á súa infraestrutura civil, o que reduciu significativamente as posibilidades de rematar cos lanzamentos de Qassam.
6. As análises mediáticas dos tráxicos sucesos non expuxeron unha serie de preguntas básicas que merecen unha resposta:
a. Por que Israel é atacado unha vez máis sen ningunha provocación e por que, unha vez máis, a poboación civil se converte no obxectivo para Hamás (sen condena internacional)? Creo que existen dúas respostas a esta pregunta. Por unha banda, posiblemente, o cálculo de Hamás é que así pode canalizar a frustración da poboación ao desviar a atención dos enfrontamentos internos para o "inimigo común" de sempre –Israel–; doutra banda, Hamás debe ter a “esperanza” (si, é a palabra axeitada) de que Israel lance unha represalia, se converta no “malo” e, deste modo, Hamás conseguiría máis simpatías e logros na area interna. Igual, Hamás considera que a nivel internacional terá que pagar un prezo mínimo por esta escalada dos ataques contra Israel.
b. Por que os ataques de Qassam son lanzados desde os mesmos territorios que Israel abandonara hai case dous anos? Israel retirouse da franxa de Gaza como primeira medida de confianza e como nunha proba a disposición e capacidade das autoridades palestinas para manter a orde e a seguridade e previr ataques en contra de Israel, que dificultan calquera avance nun proceso de paz. O uso destes territorios como base dos ataques fai poñer en dúbida calquera outra retirada israelí.
c. De onde vén todo este arsenal de foguetes usados en contra de Israel e todas as armas utilizadas por Hamás en contra de Fatah? Noutras palabras, a prensa acusa a Israel de violar o alto o fogo declarado en novembro 2006 sen preguntarse que para Hamás durante estes meses de alto o fogo. Caváronse decenas de túneles entre Exipto e a franxa de Gaza, polos cales foron introducidas ilegalmente toneladas de armas e explosivos á Franxa. Desde o alto o fogo máis de catrocentos foguetes caeron en territorio israelí –diante dos que non houbo resposta militar israelí– causando vítimas humanas e danos materiais. Sabemos ben que Hamás ten no seu arsenal armas máis sofisticadas e foguetes de maior alcance que os Qassam. É unha cuestión de pura táctica de vontade política que limita hoxe día o seu uso.
d. Quen é responsable? Hamás, segundo os medios de comunicación. Verdade. Hamás é un grupo terrorista, definido como tal pola comunidade internacional. Pero, o mesmo Hamás gañou as eleccións palestinas e forma parte do goberno de unión nacional. O primeiro ministro palestino é de Hamás. A metade do goberno e a maioría do parlamento palestino é de Hamás. Non nos equivocamos entón se cargamos a responsabilidade da escalada sobre o goberno palestino, o mesmo goberno cuxa formación foi eloxiada pola UE.
e. Como debería de tratar, entón, ao goberno nacional palestino? Creo que a resposta é sinxela: tratalo como é en realidade e non como esperamos que sexa. A UE deu a benvida ao acordo da Meca, o acordo que permitiu a formación do actual goberno palestino. Europa xustificou esta reacción dicindo que debía verse como un primeiro paso para unha moderación gradual e un camiño de poñer fin aos enfrontamentos internos palestinos. Uns meses despois, os enfrontamentos e os mortos son máis numeroso que nunca e aínda non hai ningún sinal de moderación nin de aceptación das tres condicións postas pola comunidade internacional. Aquí, o público non está informado das mensaxes de incitación e de odio que seguen enviando os líderes de Hamás. O caso da televisión palestina que no seu programa infantil chama a través dunha figura parecida a Mickey Mouse á yihad e incita ao odio para Israel, é só un pequeno exemplo revelador. Na miña opinión, o certificado de boa conduta que deu a comunidade internacional ao goberno palestino foi prematuro e abriu a porta a unha lexitimación de facto de Hamás que esta organización está usando hoxe con éxito en contra do Fatah.
f. E, por último, a pregunta hipotética de sempre: Que faría o goberno de España e os cidadáns españois se os seus veciños atacasen a unha cidade española con 150 foguetes en cinco días? Todo o mencionado arriba, faime lembrar unha anécdota famosa e reveladora: "Unha israelí chega ao aeroporto de Barajas e a primeira cousa que ve é un can enorme que ataca a unha nena pequena. De xeito instintivo, sen pensalo, decide protexer á nena e despois dunha loita longa chega a salvar á nena e matar ao can. Os xornalistas aplauden a súa valentía e deciden titular as noticias: "Un heroe madrileño salva a unha nena pequena". A israelí replícalles que non é madrileña, pero os xornalistas insisten: ¨"Unha heroe española salava a unha nena pequena". A israelí explícalles que tampouco é española. É entón que lles revela a súa identidade. Os xornalistas reflexionan un pouco e logo titulan as noticias: "Unha israelí asasina a un can".