Por Alona Fisher-Kamm
22.01.2007
“Que teña unha vida interesante” maldin os chineses. Lamentablemente, esta maldición é unha realidade en Oriente Próximo. Nunca é doado resumir nunhas liñas un ano enteiro, mais é aínda máis complicado cando se trata desta rexión e do ano 2006, cuxos acontecementos dramáticos van seguir marcando a nosa vida nos anos vindeiros. Cronoloxicamente, comezamos o ano coa repentina enfermidade do Primeiro ministro Sharon que o deixou en coma. A democracia israelí nunca dependeu dunha persoa ou doutra. É dabondo madura e estábel para poder superar unha como esta, sen traumas nin crise interna. Sen embargo, Sharon deixou as súas funcións como primeiro ministro cunha tarefa inacabada. O camiño sinuoso que emprendeu coa retirada unilateral tería que ser seguido por outros pasos cara a paz, outras retiradas, outras iniciativas, outras medidas de confianza. Non, el non chegou a ver o momento no que a comunidade internacional comezou a recoñecer a súa verdadeira determinación e vontade de asumir riscos no nome da paz. Pero os acontecementos non nos deixaron moito tempo para recuperarnos. O mesmo mes de xaneiro, o grupo terrorista e islamista Hamás gañou as eleccións na ANP. Toda esperanza de ter un socio estábel, forte, capaz de tomar decisións e de dirixir aos palestinos para a moderación e a paz quebrou. Peor aínda, desde entón, todos os intentos de introducir algunha mudanza na postura ou o comportamento desta organización, o goberno palestino actual, fracasaron.
Hamás mantén o seu radicalismo: non recoñecen a mera existencia de Israel (sexan cales sexan as súas fronteiras), non aceptan deixar as armas e a loita armada para poder negociar a paz, e tampouco recoñecen os acordos de paz xa acadados entre Israel e a autoridade palestina. O mais terríbel desta política é que as vítimas reais non son só os israelís, senón, en primeiro lugar, o pobo palestino. Neste contexto confuso celebráronse en marzo as eleccións en Israel. O novo goberno tivo que facer fronte a un novo problema: como seguir o proceso de paz e as negociacións sen ter un interlocutor. Verdade. A paz asínase sempre entre inimigos, pero para conseguila ten que haber vontade en ambas partes e unha aceptación mínima dalgunhas regras básicas. Requisitos mínimos moi lonxe de ser respectados por Hamás. Nestas condicións, a vontade dos israelís de chegar a un acordo negociado cos palestinos deu paso á idea dunha retirada unilateral en Cisxordania, a pesar dos seus defectos e os seus riscos.
Non era fácil convencer aos israelís de que esta retirada tería as súas vantaxes, xa que eramos testemuñas de que os ataques diarios de Kassam sobre as cidades continuaron. A poboación e as infraestruturas civís eran atacadas a partir das mesmas zonas que Israel deixara en Gaza pouco antes. Sen embargo, Ehud Olmert gañou as eleccións con este proxecto. Durante os dous meses seguintes, os ataques contra a poboación israelí do sur do país foron incesantes. Día tras día, decenas de mísiles provocaron danos humanos e materiais. E logo veu a primeira treboada do verán co secuestro dun soldado israelí, Guilad Shalit no sur do país. Guilad está en mans de terroristas desde hai máis de 6 meses sen ningún sinal de vida, ningunha nova sobre o seu estado de saúde. Os seus captores fan un uso cínico do seu estado, da dor dos seus familiares e da vontade de Israel de conseguir a súa liberación. Ademais, este caso revelou o papel tan negativo de Damasco, que incita aos terroristas palestinos a seguir a súa loita, apoia aos sectores palestinos máis radicais e violentos, obstaculiza todas as iniciativas encamiñadas á liberación do secuestrado e bloquea os pasos para chegar a algún entendemento interno palestino.
Si, a pesar das súas declaracións, o réxime sirio non mostrou ningún sinal de moderación, non deu ningunha proba da súa vontade de contribuír á estabilidade rexional, e a iso hai que engadir o seu nefasto papel no Líbano, cuxo resultado foi a guerra que sufriu a rexión en verán.Ven? Só chegamos ao mes de xullo e a realidade faise cada vez máis complicada. Non teño intención nestas curtas liñas de analizar a guerra, cos seus gañadores e perdedores. Sen embargo, paga a pena lembrar e salientar que o seu motivo foi o secuestro de dous soldados israelís, Eldad Regev e Ehud Goldwasser, un acto terrorista acompañado por un ataque simultáneo sobre cidades do norte de Israel. Desde a retirada israelí do Líbano, no 2000, sufrimos constantes ataques armados de Hizbollah, aos que Israel non reaccionou; o prezo desa política de contención pagouno a poboación do norte. Esta vez, e fronte a unha provocación terrorista, o goberno israelí decidiu enviar unha mensaxe nidia.
Persoalmente, non podo pensar en ningún país democrático que non respondese de xeito similar diante dunha serie de ataques desta envergadura, pois non só ten o dereito senón, máis ben, o deber e a responsabilidade de protexer aos seus cidadáns. Ningún goberno responsábel permanecería impasíbel ao ver a un grupo terrorista como Hizbollah armándose nas súas fronteiras ate acumular máis de 15.000 mísiles, co obxectivo declarado de utilizalos en contra dun país veciño. Non puidemos liberar aínda aos nosos soldados. Tampouco vencemos a Hizbollah. Sen embargo, logramos afastar a Hizbollah das nosas fronteiras, grazas tamén á resolución 1701 das Nacións Unidas e a disposición de moitos países, España entre eles, que despregaron aos seus soldados no marco da FINUL. Este desenvolvemento ten un dobre obxectivo: afastar a Hizbollah das fronteiras e así evitar unha nova provocación que podería desestabilizar ao goberno libanés. Isto, ademais, está facilitando ao goberno libanés a posibilidade de asumir as súas responsabilidades e restaurar a súa soberanía neste territorio, que se convertera nun estado dentro dun estado.
Israel valora moi positivamente o papel da FINUL e procura facilitar o seu labor. Os obxectivos da FINUL (asegurar a estabilidade do Líbano e reforzar o seu goberno) coinciden cos nosos. Ao analizar as consecuencias desta guerra, tamén debemos mencionar as dificultades a nivel bilateral que xurdiron entre España e Israel, e buscar as vías para superalas. Non dubidamos das boas intencións españolas, pero aos israelís producíronnos unha fonda decepción as declaracións, os feitos e o clima moi críticos para Israel que se producían aquí nun momento no que Israel, un país amigo e democrático, loitaba contra un grupo terrorista e cuxa poboación era atacada sen ningunha provocación. Non é tarefa fácil intentar restaurar a confianza e o sentimento de proximidade nas relacións bilaterais. Tampouco estamos seguros de que “a iniciativa de paz” de España, e sobre todo o xeitao no que foi lanzado, contribúa a este obxectivo. A guerra entre Israel e Hizbollah puxo de relevo, aínda máis, o papel negativo de Siria como elemento desestabilizador, radical, cínico, que apoia ao terrorismo, e como provedor de armas a Hizbollah.
Para aqueles que dubidaban, a guerra tamén puxo en evidencia a ameaza de Irán, unha ameaza non só para Israel, senón para toda a rexión. O que converte a Irán nunha ameaza real é unha combinación de elementos, entre eles, a chamada do seu presidente a borrar a Israel do mapa (unha declaración repetida en varias versións ao longo do ano). Así mesmo, hai que salientar o carácter antisemita do seu discurso, cuxo máximo expoñente foi a conferencia para poñer en dúbida a existencia do Holocausto. Este negacionismo ten un dobre obxectivo: poñer en cuestión un feito histórico e poñer en dúbida o dereito de Israel a existir e o dereito do pobo xudeu a unha terra. E logo vén o apoio directo ao terrorismo e a Hizbollah, a intervención noutros países co obxectivo de crear o caos e unha base de influencia rexional. A iso hai que sumar os seus intentos de conseguir capacidade militar nuclear, o que será un pesadelo para todos os países moderados da rexión e máis alá. As medidas tomadas polo Consello de Seguridade son unha mensaxe importante do desacordo mundial co comportamento iraniano e un primeiro paso na boa dirección para intentar a por fin ao proxecto. Non cabe dúbida de que a comunidade internacional esta preocupada fronte a estes acontecementos. Ninguén quere ficar quedo perante tales ameazas e todos desexamos facilitar o camiño para a paz. Pero perante esta situación, temos que preguntarnos cal sería a maneira máis eficaz e viable para alcanzalo. Iniciativas e planos non faltan. Segue en vigor a Folla de Ruta que, a pesar dos seus defectos e dos seus atrasos, é o único plano aprobado por ambos lados e que dá algunhas liñas xerais e principios aceptados.
Baseado sobre estas liñas, o Primeiro ministro israelí ven de presentar un plano político, no cal fala de dous estados democráticos que conviven en paz, e reiterou a súa disposición a “pagar un prezo” alto e facer concesións dolorosas desde o punto de vista israelí. Para demostrar a seriedade das súas ideas, entrevistouse co Presidente palestino Abu Mazen e mostráronse de acordo sobre unha serie de medidas para reforzar a confianza mutua e, principalmente, para aliviar un pouco as dificultades económicas que sofren os palestinos. Queda por ver o seu alcance real. Se comecei cunha maldición chinesa, desexaría terminar cunha bendición xudea dedicada ao ano novo: “que termine o ano coas súas maldicións e empece o ano coas súas bendicións”. Feliz Aninovo.